A Xunta autoriza o polémico parque eólico dos Cotos, en Cerdedo-Cotobade

O proxecto súmase neste municipio aos xa aprobados Campo das Rosas, Porto Vidros, As Penizas e Monte Festeiros.
Parque eólico na serra do Candán, entre as comarcas do Carballiño, Terra de Montes e Deza. (Foto: Arxina)
photo_camera Parque eólico na serra do Candán, entre as comarcas do Carballiño, Terra de Montes e Deza. (Foto: Arxina)

Aos aeroxeradores xa operativos na serra do Cando están a piques de sumarse, no termo municipal de Cerdedo-Cotobade, os seis —de 125 metros de altura— que conforman o parque eólico Dos Cotos, promovido por Tiraventos S.L., cunha potencia total instalada de 30 megawatts (MW). O DOG recolle esta segunda feira a concesión, por parte do Goberno galego, das autorizacións administrativas previa e de construción para esta infraestrutura, que contaría cun investimento superior aos 21 millóns de euros.

O proxecto foi obxecto de polémica desde os inicios e, de feito, tivo que ser sometido a consulta pública en dúas ocasións por mor de anomalías na documentación orixinal. A corporación municipal opúxose ao parque eólico, tanto as forzas da oposición —PSOE e BNG— como o propio alcalde, Jorge Cubela, do PP. Porén, tanto socialistas como nacionalistas lamentan o "silencio cómplice" dun Cubela ao que acusan de "agocharse" ante o "incumprimento dos acordos plenarios" contrarios ao proxecto dos Cotos e ínstano a acudir á vía xudicial. Tamén a veciñanza protagonizou nos meses pasados numerosas mobilizacións demandando a anulación deste proxecto.

No que atinxe ás múltiples alegacións presentadas por colectivos e particulares contra estas instalacións, o Goberno galego salienta que non procede considerar que Os Cotos incorra nun caso de "fragmentación indebida" a fin de "eludir a avaliación ambiental ordinaria", tal e como denunciaban diferentes entidades por mor da coincidencia espacial con outros parques, porque "conta cun estudo de sinerxias" que recolle o impacto conxunto do resto de muíños. E, engaden, "nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mismo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións". Esta cuestión, con todo, foi obxecto de anulación de dous parques de Greenalia na Costa da Morte, Bustelo e Campelo.

Parte das alegacións aludían tamén á calidade do estudo de impacto ambiental, así como a "falta de información ambiental, de difusión e claridade da información pública", aspectos que tampouco considera a Administración que sexan motivo de impugnación do proxecto ao entender que se resolveu a tramitación de forma correcta e axustada á lexislación vixente.

Sobre o impacto na ruta portuguesa do Camiño de Santiago, a Xunta conclúe que "unha vez corrixido e mellorado o contido do estudo de impacto e integración paisaxística, o Instituto de Estudos do Territorio conclúe que o principal impacto paisaxístico do proxecto será a incidencia visual dos aeroxeradores pola súa forma e altura, que os fan visíbeis desde unha ampla extensión de terreos a longas distancias, pero esta incidencia non supón un impacto crítico no seu conxunto, tendo en conta as propostas mitigadoras do impacto que propón a promotora nas distintas zonas de afección e a adopción das medidas preventivas e correctoras que se avalían nos seus informes".

E no que respecta aos efectos dos aeroxeradores e infraestruturas anexas na saúde da poboación e a súa calidade de vida, defende que "o nivel de ruído alcanzado na situación preoperacional cumpre, en todo caso, os limiares estabelecidos na lexislación vixente" e, no referido aos efectos sinérxicos ou acumulativos, "os valores alcanzados permiten concluír que non é previsíbel que se produzan efectos acumulativos nas poboacións máis próximas ao parque, agás no caso de obras conxuntas, para o que debería comprobarse a posíbel repercusión".

O dos Cotos non é o único parque autorizado pola Xunta dentro do concello de Cerdedo-Cotobade, pois tamén recibiron nas últimas semanas o visto e prace os denominados Campo das Rosas, Porto Vidros, As Penizas e Monte Festeiros.

A sociedade impulsora deste parque eólico, Tiraventos S.L., ten como administrador único Fernando Rodríguez Alfonso, que é vicepresidente, á súa vez, do xigante das renovábeis Ecoener, empresa que vén de designar conselleira a titular de Facenda da Xunta con Alberto Núñez Feixoo e secretaria de Estado de Orzamentos con Mariano Raxoi na Moncloa, Marta Fernández Currás.

Comentarios