A Xunta autoriza a expropiación de terreos comunais en Melón para uso dunha empresa mineira

Minera de Rocas extrae granito nestes terreos da CMMC de Tourón.
Explotación de granito da empresa Minera de Rocas. (Foto: Minera de Rocas)
photo_camera Explotación de granito da empresa Minera de Rocas. (Foto: Minera de Rocas)

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou esta terza feira o acordo do Consello da Xunta da Galiza, do pasado 7 de marzo, polo que se declara a necesidade de ocupación, así como prevalencia sobre un aproveitamento forestal, dos terreos necesarios para o desenvolvemento dos traballos en varias explotacións mineiras de granito en Melón (O Ribeiro). 

En concreto, a empresa Minera de Rocas solicitou a expropiación dos terreos que ocupa en Melón. Todo isto, unha vez vencido o arrendamento dos mesmos e tras non chegar a un acordo coa Comunidade de Montes en Man Común de Tourón, propietaria destas terras. 

Con todo, a comunidade de Tourón non se opón a subscribir un novo contrato coa empresa, senón que pretende "ter as garantías necesarias" para evitar incumprimentos da sociedade mineira que, denuncian, xa tiveron lugar  no pasado.

Utilidade pública

Ao ser declarada de utilidade pública –a pesar de que a mancomunidade solicitara a paralización de todo labor mineiro de Minera de Rocas nos terreos de Melón–, por ser unha explotación mineira da sección C da Lei de Minas, vai implícita a posibilidade de expropiación

Por todo isto, esta terza feira procedeuse a publicar no Diario Oficial da Galiza o acordo de necesidade de ocupación e a prevalencia sobre os terreos forestais da comunidade de montes de Tourón. 

Desta maneira, iníciase así o expediente de expropiación, que continuará se ambas as partes non chegan a un acordo sobre o arrendamento dos terreos necesarios para continuar coa súa actividade mineira. 

Comentarios