Xullo deixa nos hoteis galegos a metade de hóspedes que en 2019

Unha de cada dez persoas que se aloxaron nos estabelecementos hostaleiros galegos en xullo era estranxeira.
Hotel en Compostela (Nós Diario)
photo_camera Hotel en Compostela

Os hoteis galegos rexistraron o pasado mes de xullo un total de 598.513 pernoctas, o que representa un descenso de 50,87% en comparación co mesmo mes do ano anterior, segundo os datos publicados onte polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

En total, o pasado mes aloxáronse nos estabelecementos hostaleiros galegos un total de  257.870 turistas, o que supón un descenso de 52,13% en relación ao mesmo período de 2019. Desa cifra, 233.067 corresponden a visitantes procedentes do Estado español, mentres que os 24.803 restantes foron turistas estranxeiros.

A pesar dos malos datos de ocupación, Galiza foi dos territorios que mellor se comportaron en materia turística, como reflicte o feito de que o país rexistrase 5,2% do total de pernoctas rexistradas o pasado mes de xullo no Estado español, unha porcentaxe moi superior á do ano pasado, que se situou en 2,8%. O grao de ocupación por prazas foi de 31,5%, fronte a 35,6% a nivel estatal.

Baixadas xeneralizadas

O feito de que Galiza rexistrase uns datos de ocupación hostaleira tan baixos, a metade do que adoita ter nun mes de xullo, non é un feito illado, e responde á desconfianza xerada pola situación sanitaria derivada da pandemia da Covid-19. 

No conxunto do Estado español, as pernoctas en  estabelecementos hostaleiros caeron 73,4% en xullo respecto ao mesmo mes de 2019, até superar os 11,4 millóns, a pesar da fin do estado de alarma e a apertura progresiva de fronteiras.

Con este dato son xa cinco os meses consecutivos de descensos após as baixadas de 66,5% de marzo, de 100% en abril, de 99,2% en maio e a de 95,1% o pasado mes de xuño.

O pasado 21 de xuño finalizou o estado de alarma, permitíndose a mobilidade da poboación en todo o territorio nacional. O número de estabelecementos abertos aumentou en xullo respecto ao mes anterior, pasando de 5.896 a 12.068, aínda que esta cifra é 29,5% inferior á existente hai un ano.

O total de prazas ofertadas foi 1.025.713, 52,7% do total. Durante o devandito mes, 4,3 millóns de viaxeiros aloxáronse nalgún estabelecemento hostaleiro, cun total de 11,5 millóns de pernoctas, cifras que supoñen 35,7% e 26,6%, respectivamente, das estimadas hai un ano.

Comentarios