Naturgy, con 12 encoros na Galiza e impulsora de varios proxectos eólicos, aumenta os beneficios en 60%

Os beneficios abeiran os 800 millóns de euros nos primeiros tres trimestres deste ano.

Sede de Naturgy (Foto: Naturgy)
photo_camera Sede de Naturgy

Naturgy segue o camiño das outras xigantes enerxéticas e tamén rexistra un importante aumento dos seus beneficios no que vai de ano, unha suba de ganancias a cabalo dos prezos da luz, en plena espiral alcista.

A enerxética obtén un beneficio de 777 millóns no primeiros nove meses do ano. O beneficio até setembro sobe un 58,6%, mentres que os ingresos crecen un 28,9%.

Entre xaneiro e setembro,  obtivo unha cifra de negocio de 14.558 millóns, 3.238 millóns máis que nos mesmos meses de 2020. Aínda que os aprovisionamentos tamén creceron, un 40%, a marxe bruta seguiu á alza, ata os 4.182 millóns, un 6,3% máis.

Naturgy é o segundo produtor hidráulico da Galiza con 1.120 megawatts e 12 encoros

Naturgy é o segundo produtor hidráulico da Galiza con 1.120 megawatts e 12 encoros. A mercantil, xurdida da absorción de Fenosa por Gas Natural, explota parte das centrais erguidas no seus momento por Pedro Barrié de la Maza, favorecido polas súas relación co réxime franquista.

A compañía eléctrica con sede social en Madrid está participada pola entidade financeira La Caixa con preto de 30% do capital, polo sociedade británica de capital risco CVC Capital Partners con 20%, pola GIP III Canary 1 S.A.R.L, división enerxética do fondo de investimentos estadounidense Global Infrastructure Partners con 20% e pola empresa do gas alxerina Sonatrach con 4%.

Negocio eólico

Naturgy, como Iberdrola e Endesa, tamén ten os ollos -e máis que os ollos- postos no negocio eólico na Galiza. Así, a multinacional proxecta un novo parque eólico na Mariña, zona que conta xa con máis dunha vintena en funcionamento. Trataríase de 8 aeroxeradores (27,6 MW) que afectarían os concellos de Cervo, O Valadouro, Viveiro e Xove.

Mais Naturgy tamén está impulsando proxectos eólicos noutras zonas da Galiza, como nas Encrobas

Comentarios