As vendas do sector servizos da Galiza rexistran a segunda peor caída estatal

A baixada interanual da cifra de negocios alcanzou 5,1% en novembro.
Persoal traballando nun bar (Foto: Europa Press).
photo_camera Persoal traballando nun bar (Foto: Europa Press).

As vendas do sector servizos descenderon na Galiza 5,1% en novembro de 2023 en comparanza co mesmo mes do ano anterior, o que supón o segundo maior recorte a nivel estatal, só por detrás de Nafarroa (-5,3%).

Pola contra, segundo os datos publicados esta quinta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE), o sector servizos anotouse no conxunto do Estado un aumento en facturación de 0,5%, o que contrasta co retroceso na Galiza.

Así, Asturias (12,8%), A Rioxa (10,2%) e Illes Balears (6,7%) foron as autonomías nas que os servizos máis aumentaron as vendas en novembro de 2023.
Na comparativa de novembro con outubro, hai unha baixada de 2,3% na Galiza. Un dato que está, en cambio, en terreo positivo no Estado (0,9%). Respecto ao emprego no sector, creceu 1,6% na Galiza en novembro de forma interanual, menos que a taxa de 2% da media estatal.

Descenso na industria

Por outra parte, tamén caeron en novembro de 2023 as vendas da industria galega con respecto ás do mesmo mes do ano previo, cunha taxa negativa de 3,4%, nun descenso máis pronunciado que o do conxunto do Estado español (-2,2%), segundo os datos publicados esta quinta feira polo INE.

Deste modo, a cifra de negocios do sector industrial da Galiza volve a terreo negativo en novembro despois da repunta interanual das vendas que fora rexistrada en outubro. Na comparativa de novembro co mes anterior, experimentou un retroceso de 0,7%, que contrasta coa suba de 3,6% a nivel estatal.

Ademais, a Galiza exportou bens por 2.865,2 millóns de euros en novembro, 1,8% máis que un ano antes, segundo os datos publicados esta quinta feira polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

Comentarios