As vendas do comercio polo miúdo galego subiron en 2023 a metade que a media estatal

En canto ao emprego no sector, a ocupación subiu 1% na Galiza e 1,8% na media estatal.

Un estabelecemento comercial en Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Comercio en rebaixas este 2024 nunha rúa de Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)

O comercio polo miúdo galego rexistrou un aumento das súas vendas do 3,2% en 2023, segundo datos publicados esta cuarta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE), recollidos por Europa Press.

Isto supón a metade do crecemento da media estatal, xa que no total do Estado esta cifra aumentou 6,1% o ano pasado.

Desta maneira, a Galiza situouse entre as comunidades onde menos creceu a facturación do comercio polo miúdo, só por detrás de Castela e León (+2,2%), de Nafarroa (+2,8%), de Murcia (+3%), e da Cidade Autónoma de Melilla (2,7%).

En canto ao emprego, a ocupación subiu 1% na Galiza e 1,8% na media estatal.

A nivel estatal, o comercio polo miúdo rexistrou en 2023 un aumento medio das súas vendas de 6,1%, o seu maior alza desde o inicio da serie, no ano 2000, sempre segundo datos do INE.

Coa repunta lograda en 2023, o comercio polo miúdo encadea tres anos de crecemento das súas vendas despois do ano negro que supuxo 2020 para o sector pola crise do Covid, cunha caída das vendas naquel exercicio do 6,8%. Eliminando os efectos estacionais e de calendario, a facturación do comercio polo miúdo aumentou 6% en 2023.

Os locais destinados á actividade comercial que fican baleiros no conxunto da Galiza aumentaron até un total de 7.045 ao fechamento de 2023, o que supón 570 máis que un ano antes (+8,8%), segundo o informe Locais baleiros no circuíto de comercialización en arrendamento ou venda da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein), ao que tivo acceso Nós Diario, e que asegura que este incremento "é superior aos peores anos da crise económica [no período decorrido entre 2011 e 2013]".

Comentarios