A vaga de calor no Estado deixa Galiza sen as vantaxes do tope ao gas na factura

O incremento da demanda enerxética pola vaga de calor fixo que a estrea do tope do gas non dese os froitos esperados e penalizase de modo especial a Galiza.  
Abril de 2023 superou en 2,5 graos centígrados a media (Foto: Europa Press).
photo_camera O emprego de equipos de aire acondicionado dispara a demanda enerxética nos días de calor (Foto: Europa Press).

A chamada 'excepción ibérica', a medida que permite marcar un prezo fixo para o gas á hora de determinar os custos do sistema eléctrico, estreouse esta terza feira cunha rebaixa na poxa de 22%. Porén, a compensación que hai que pagar ás plantas de xeración eléctrica provocou que este aforro quedase en nada, ao rematar cunha tarifa incluso máis cara que a do día anterior.

Hoxe a situación repítese, máis desta vez os prezos xa son 3,15% máis caros de partida, pois o custo medio da electricidade no mercado grosista subirá até os 170,81 euros por megawatt hora (MWh), fronte aos 165,59 euros/MWh da cuarta feira, segundo os datos do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE).

Fontes do sector recoñecen que foi un dos peores días para estrear o novo mecanismo, cunha vaga de calor inusual a estas alturas do ano, que afectou boa parte da península Ibérica e que provocou un forte incremento da demanda enerxética polo maior uso dos aparatos de ventilación e refrixeración. 

Porén, na Galiza a demanda mantívose en valores similares aos do resto da semana, en parte porque a vaga de calor afectou concellos do interior, mentres que na franxa costeira, onde reside a maior parte da poboación, as temperaturas foron máis moderadas en xeral.  

Dobre custo

Ao igual que aconteceu noutros episodios de temperaturas extremas, como a borrasca Filomena en xaneiro de 2021, a Galiza quedou á marxe dos efectos máis duros destes fenómenos meteorolóxicos extremos, mais as galegas e os galegos pagaron no seu recibo da luz como se tamén tivesen que aumentar a súa demanda para paliar os efectos das altas temperaturas.

Esta situación provoca un dobre custo para a Galiza. Por unha parte, as empresas e a clientela particular acollida ao prezo voluntario para o pequeno consumidor (PVPC) ve incrementado o prezo da enerxía que consume pese a non aumentar a demanda ─os maiores picos concéntranse no resto do Estado español─ e, por outra, vese obrigada a aumentar a súa capacidade de xeración, ben a través da hidráulica ─limitada pola seca que golpea o país─, ben co carbón da térmica das Pontes, para cubrir as necesidades da poboación, o que tamén xera un importante impacto en materia ambiental polas emisións á armosfera.

O abrigo do Atlántico

O episodio de altas temperaturas débese a intrusións de aire subtropical ou sudafricano. No caso da Galiza, como sinalan desde a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) non chega, primeiro, porque está situada máis lonxe, pero o factor máis determinante é porque o clima está influenciado polo efecto do océano Atlántico, que actúa como regulador térmico, tanto coas máximas como as mínimas.

O océano Atlántico actúa como regulador térmico na Galiza

Con todo, na actualidade a Galiza non ten marxe para aproveitar as súas particularidades climáticas e enerxéticas, que poderían traducirse nun aforro significativo da factura para as persoas consumidoras. Queda así condicionada á realidade estatal que, en casos coma este, xoga na súa contra.

Comentarios