'Filomena' quenta a factura eléctrica

A vaga de frío dispara o recibo da luz e pon novamente en cuestión o modelo de fixación de prezos
O prezo da luz abeira un novo record.

A borrasca 'Filomena' atravesou a península deixando ao seu paso unha serie de rexistros históricos que aínda persisten en forma de baixas temperaturas. Este fenómeno atmosférico fixo tamén que a demanda enerxética se disparase, o que levou, xunto cos altos prezos de dióxido de carbono (CO2) e o gas natural nos mercados, a que a factura da luz rexistrase tamén unha suba histórica, con máximos no prezo almacenista de electricidade, cunha referencia media diaria de 94,99 euros por megavatio hora (MWh).

Tomando como referencia a tarifa media do kWh na primeira semana de xaneiro, a factura eléctrica do usuario medio situaríase xa en 83,24 euros, o que representa un incremento de 22,2% sobre os 68,11 euros das mesmas datas do ano pasado, segundo datos Facua-Consumidores en Acción sobre un usuario que consome 366 kWh mensuais e ten unha potencia contratada de 4,4 kW. Para atopar unha factura tan elevada hai que remontarse a setembro de 2018, cando alcanzou os 83,55 euros.

Esta situación provocou o enfado de organizacións como Facua, que volveron reclamar ao Goberno español que adopte medidas urxentes para modificar o sistema de fixación de tarifas almacenistas do mercado eléctrico, consistente nunha poxa que, segundo denuncian, "fomenta a especulación".

A ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, afirmou que o Executivo estatal está a traballar nesa liña, e tamén na revisión do sistema fiscal da enerxía por parte de Facenda. Unidas Podemos propón baixar o IVE da luz do actual 21% a 4%.

Nesta liña, Ribera lembrou que o Goberno español traballa tamén na creación do Fondo Nacional para a Sustentabilidade do Sistema Eléctrico (Fnsse), co fin de trasladar o custo das primas ás renovábeis do recibo da luz a todas as enerxéticas, xa que considerou que "a creación deste fondo é moito máis solvente e compatíbel coa idea dun sistema enerxético onde se poida ter unha visión de conxunto dos consumos", dixo.

O recibo da luz

O IVE xunto co imposto especial sobre a electricidade fan que a factura da luz encareza 27,2% como consecuncia dos impostos indirectos. 

Segundo recoñece a Nós Diario Adrián Dios, profesor de Estrutura Económica na USC e que centrou a súa tese de doutoramento no sistema eléctrico galego, "case ninguén entende a factura da luz porque está pensada para que non se entenda". 

"A electricidade é cara polos impostos, pero neste momento o prezo non subiu polos impostos, senón por culpa das empresas eléctricas", explica Dios, xa que son elas as que fixan o prezo. 

"Aquí é onde está a trampa. En primeiro lugar, porque o mercado eléctrico é imposíbel que funcione ben tendo en conta que só cinco empresas controlan o sector, o que supón un problema moi grande en termos de oligopolio, pero é que ademais o prezo que pagan as persoas consumidoras é o máis caro de todos canto se ofrecen nas poxas". "É tan kafkiano en termos económicos que na literatura científica chámase beneficios caídos do ceo", engade.  

"Imaxinemos que o 95% da produción se cobre con renovábeis, que case entran gratis, pero de última metemos  un ciclo combinado de gas, que nestes momentos é o máis caro con diferenza, onde o megavatio custa 60 euros. Entón, de repente, todo o que se paga vai a 60 euros, aínda que a produción sexa maioritariamente renovábel. Aquí é onde están as trampas monopolísticas das eléctricas", denuncia. "O sistema favorece a baixada de prezo coas renovábeis, pero ao meter outras tecnoloxías ao final queda en valores altos", lamenta.

Tarifa eléctrica galega

Nesta liña, Adrián Dios incide na necesidade de contar cunha tarifa eléctrica galega, xa que o país, pese a exportar 40% da enerxía que produce, non obtén ningún retorno positivo da mesma, o que xera un agravio territorial e social.

Esa tarifa eléctrica galega, que defenden formacións como o BNG, enténdese en termos de benestar xeral, "que todo o mundo poida acender á calefacción na súa casa". Se a iso sumamos a posibilidade de abaratar o recibo ás empresas "sería un factor de competitividade brutal co exterior", apunta o profesor.

A vía máis fácil de conseguila é transformar as peaxes, como se fixo en Euskadi. Pero lonxe de ter beneficios, Galiza queda coas externalidades negativas, como o impacto ambiental dos sistemas de produción, e pagando máis por ese exceso de contaminación. "Ao final o sistema está pensado para favorecer os que non teñen capacidade de produción eléctrica", conclúe Dios.

Comentarios