Unións Agrarias solicita compensar a suba de custos para o sector do vacún

A Xunta só habilitou axudas para as explotacións amparadas nas IXP.
O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García (Foto: Nós Diario).
photo_camera O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García (Foto: Nós Diario).

Unións Agrarias (UUAA) e a Asociación Galega de Empresarios de Gando (Agega) instaron esta cuarta feira  á Xunta da Galiza a habilitar "orzamento suficiente" para compensar a suba de custos de produción en todo o sector produtor de vacún de carne.

Ambas as organizacións, a través dun comunicado, consideraron positivo o feito de que a Consellaría do Medio Rural teña habilitado fondos "para apoiar as producións amparadas na Indicación Xeográfica Protexida e, máis concretamente, a Tenreira Galega Suprema".

Con todo, lamentan os criterios escollidos, "que deixan fóra non só ás explotacións que traballan á marxe da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) senón tamén 35% dos becerros criados dentro dela".

Desta maneira, UUAA e Agega fan un chamamento para que o Goberno galego "corrixa" o que ven como unha "discriminación" e que se faga en base á liña de axudas recentemente concedida aos produtores de Tenreira Galega para que "estenda ese apoio á totalidade do sector produtor de vacún de carne na Galiza". 

Os dous colectivos mostráronse en desacordo cuns criterios de repartición que consideran "inxustos e discriminatorios", así como coa súa contía, "insuficiente para cubrir as necesidades do sector", denunciaron.

Ademais, tamén temen "o colapso do mercado e a baixada de prezos que poden vir da man dunha liña de axudas que está a producir distorsións debido á paralización da saída de animais marcados dentro da IXP que antes se comercializaban sen certificar".

Neste sentido, segundo aclararon as dúas organizacións, "as gandarías non queren perder unhas axudas que se vinculan exclusivamente aos becerros certificados".

Comentarios