Un baldío industrial

Un percorrido por algúns dos polígonos industriais de Galiza deixa na persoa visitante unha imaxe preocupante: milleiros de metros cadrados baleiros, naves a medio construír e empresas que foron botando o feche por mor da crise. Porén, a Xunta segue promovendo o desenvolvemento de parques baseándose nunha demanda de chan discreta. Eis un extracto da reportaxe publicada no Sermos Galiza número 298.

_MG_8413_42638.25
photo_camera [Imaxe: X.F.]

miniA tónica non é a mesma en todos os parques empresariais do país, mais, en liñas xerais, non hai grandes diferenzas. En polígonos cuxa actividade estivo historicamente vinculada a un sector específico –o caso do eólico ou o naval–, a fotografía é desoladora; noutros, a situación é lixeiramente mellor. Con todo, a radiografía non resiste a realidade das imaxes e a veracidade dos dados: a alta desocupación ten levado a Xunta de Galiza a revisar os prezos do metro cadrado para facer máis atractiva a implantación de empresas locais e foráneas nos parques industriais do país. A competencia de Portugal non é tampouco un asunto menor na composición desta foto fixa que o Goberno Feixóo quere combater coa Lei de Iniciativas Empresariais e mediante unha serie de bonificacións para a adquisición de parcelas e posta en marcha de proxectos empresariais de envergadura simplificando toda a tramitación, incluída a que ten a ver co impacto ambiental.

A creación de chan industrial no país transformou o mapa económico da Galiza e, tamén, a súa paisaxe, principalmente desde que en 1991 se aprobara o primeiro Plan de Solo Empresarial para sacar estas áreas dos cintos dos grandes núcleos urbanos nos que se localizaron inicialmente. Hoxe en día, hai no país 117 parques empresariais que suman máis de 47 millóns de metros cadrados de superficie neta. Paralelamente, estanse a habilitar novos polígonos e a ampliar os xa construídos para incrementar nun 50% (arredor de 25 millóns de metros cadrados) o chan dispoñíbel. E iso malia que perto do 10% da superficie xa creada está desocupada. No caso dos polígonos que promove a Xunta (dous terzos do total), existe na actualidade unha dispoñibilidade de solo industrial que rolda os 1,7 millóns de metros cadrados, aos que hai que engadir os que xestionan outras sociedades, como a estatal SEPES, encargada, por exemplo, de colocar o chan baleiro do terceiro polígono industrial do país, o naronés Río do Pozo.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 298 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios