A UE abre a porta a estabelecer cotas pesqueiras plurianuais o vindeiro ano

12 embarcacións do palangre galego poderán aumentar capturas en Mauricio.
Descarga dun barco de xarda no porto de Burela o pasado mes de marzo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Descarga dun barco de xarda no porto de Burela o pasado mes de marzo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

A Comisión Europea sinalou esta cuarta feira que ten previsto pasar, na medida do posíbel, a un sistema de cotas pesqueiras plurianuais para as poboacións exclusivas da Unión Europea (UE) a partir de 2024, como xa teñen reclamado Estados como o portugués, o español e o francés. Segundo a comunicación de Bruxelas sobre as súas orientacións de posibilidades de pesca para o próximo ano, este novo sistema aumentará a eficacia e a previsibilidade para as empresas pesqueiras da UE no caso das poboacións seleccionadas en estreita consulta cos Estados membros, as partes interesadas e o Consello Internacional de Exploración do Mar (CIEM)

Para identificar eses stocks, o Executivo comunitario pediu aos Estados membros que enumeren as poboacións prioritarias para as que recomendan os totais admisíbeis de capturas (TAC) de dous anos e convídalles, xunto a consellos consultivos, partes interesadas e público en xeral a formular observacións sobre esta e outras recomendacións da Comisión Europea antes do 31 de agosto.

O informe de Bruxelas recoñece que a sostibilidade xeral dos caladoiros da UE mellorou e menos poboacións están sobreexplotadas, aínda que, ao tempo, reafirmouse na eliminación da pesca de arrastre de 30% dos mares comunitarios para 2030.

Acordo UE-Mauricio

O pleno do Parlamento Europeo deu luz verde esta cuarta feira ao acordo 2022-2026 entre a UE e a República de Mauricio, que aumenta o volume de capturas ao que poden optar os atuneiros de 4.000 a 5.500 toneladas.

Segundo os datos do Ministerio de Pesca, o protocolo ofrece oportunidades de pesca para 40 barcos cerqueiros e 45 palangreiros comunitarios, dos 12 son de palangre de superficie galegos e 22 atuneiros vascos. Capturan nestas augas túnidos tropicais.

A UE pagará a cambio 2,9 millóns de euros ao longo do próximos catro anos (725.000 anuais en concepto de acceso ás augas de Mauricio) para apoiar a política pesqueira de Mauricio, o terceiro subministrador de latas de atún ao mercado da UE, só por detrás de Ecuador e Filipinas.

Comentarios