Fundir a frota: Galiza perdeu en 20 anos un de cada catro barcos

A frota galega perde músculo, nunha tendencia da que ano tras ano fica constancia no rexistro de buques. De 2004 á actualidade, 1.343 embarcacións menos con porto base na Galiza. Unha situación que afecta todos os segmentos da frota, desde a de baixura até a que faena en caladoiros internacionais.
Dous mariñeiros recollen redes de pesca de arrastre (Foto: Os mares de baixura).
photo_camera Dous mariñeiros recollen redes de pesca de arrastre. (Foto: Os mares de baixura)

Unha frota pesqueira sen parangón en Europa, como era a galega, certifica ano tras ano a súa perda de barcos e tripulacións, nun descenso constante e continuado que deixa pegada en todos os seus segmentos, desde a frota artesanal que faena no interior das rías até os grandes barcos que traballan na grande altura, en augas de pescarías cualificadas como internacionais. En 2004, segundo datos da propia Consellaría do Mar, a frota galega estaba integrada por 5.565 embarcacións. Case 20 anos despois, en abril de 2023, esa cifra caeu até as 4.222 barcos. Descendeu nestes anos en 1.343 embarcacións, o que supón que se perderon unha de cada catro das existentes daquela. Ou, por dicilo doutro modo, desde 2004 até hoxe cada cinco días dábase de baixa un barco pesqueiro galego.

Porcentualmente, a perda maior nestas dúas décadas deuse na frota de altura, aquela que faena en augas comunitarias. Estaba integrada en 2004 por 144 barcos e hoxe en día por 70. Son 74 buques de pesca menos, unha caída da metade. A maioría dos que fican dedícanse ao palangre de fondo (42).

En grande altura —pesca en augas extracomunitarias— hai agora 103 barcos, o que supón 18 menos dos que tiña a frota galega no ano 2004. Aquí a baixada foi de 15%. A frota de baixura foi a que máis peso perdeu en número de embarcacións. Apenas supera as catro mil hoxe en día (4.049) cando hai dúas décadas abeiraba as 4.900 (4.867). Neste período 'perdéronse' 811 barcos, o que supón 17% do total.

O importante incremento dos gastos da frota leva a que a demanda de despezamentos estea á orde do día. Os datos do propio Ministerio de Pesca, ofrecidos en xullo de 2022 -mais con referencia a 2020-, indicaban que perto duns 230 buques pesqueiros seguirían este camiño, unha parte significativa dos mesmos, con porto base na Galiza.

O complexo mar-industria na Galiza é cada día menos galego ao avanzar nel a presenza do capital estranxeiro. O caso de Nueva Pescanova segue un camiño tomado xa por outras empresas, como Iberconsa ou Calvo. O canadense Cooke INC atinxiu un acordo de compra con Abanca, propietaria de Nueva Pescanova. 

Un caso paradigmático é Iberconsa, a segunda empresa pesqueira do Estado após Pescanova, con máis de 2.100 traballadores e traballadoras. A compañía, fundada en Vigo en 1981, é líder mundial na comercialización de lagostino austral e de pescada conxelada, conta cunha frota presente en diversos caladoiros e dispón na actualidade de máis de 20 empresas sendo a súa marca máis representativa 'Nós'. O fondo de investimento Platinun Equity fíxose con Iberconsa en maio de 2019 após mercarlla por 550 millóns á sociedade de capital risco Portobello.

Platinun é un grupo estadounidense fundado en 1995 por Tom Gores con participacións en diversos sectores da actividade económica, que vive un importante crecemento após o estoupido financeiro de 2008, até o punto de adquirir no exercicio seguinte un total de 14 compañías.

O complexo mar-industria, cada vez máis 'foráneo'

Comentarios