Ana Miranda urxe un xiro nas políticas da UE que "prexudican" a pesca artesanal

A parlamentaria nacionalista forma parte dunha misión oficial da Eurocámara en Irlanda, país con "semellanzas" coa Galiza no que atinxe ao sector do mar.
Ana Miranda desprazouse até Irlanda en misión oficial da UE. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Miranda desprazouse até Irlanda en misión oficial da UE. (Foto: Nós Diario)

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, urxiu esta terza feira a Unión Europea a "brindar o recoñecemento necesario" á pesca artesanal, pois o sector pesqueiro de países como Galiza ou Irlanda, desde onde fixo estas declaracións, vese "prexudicado" polas políticas adoptadas polo ente comunitario. Miranda desprazouse até a illa como parte dunha misión oficial da Comisión de Pesca do Parlamento europeo que visitou diferentes zoans pesqueiras do país.

"Comprobamos as semellanzas dos sectores pesqueiros galego e irlandés e o prexuízo que ambos os dous sofren pola Política Pesqueira Común, co acusado descenso de cotas", sinalou a parlamentaria nacionalista, que demandou unha modificación da PPC "que teña en conta a situación socioeconómica do sector".

Neste senso, fixo referencia a que, por exemplo, a pesca artesanal que goza de gran peso en Irlanda ou Galiza "non ten o recoñecemento que debería". Para Miranda, estas situacións "son un claro reflexo de que Bruxelas non entende a pesca", o que leva a aplicar políticas que provocan o sentimento de estaren a ser "criminalizados" no sector.

Nas reunións decorridas no marco desta misión da Comisión de Pesca da Eurocámara —na que participan eurodeputadas e eurodeputados de catro grupos parlamentares diferentes—, analízanse tamén as consecuencias do Brexit na pesca local.

Precisamente Irlanda é un dos estados membro máis afectados, xa que representa arredor dunha cuarta parte da perda acumulada de cota da Unión Europea por volume de capturas, cunha perda do acceso a até 15% da súa cota anual total.

Por outra parte, nos diferentes encontros desenvolvidos, Ana Miranda explicou as "continuas protestas" mantidas polo sector pesqueiro galego contra as decisións da Comisión Europea que afectan negativamente a pesca no país.

Tamén fixo mención á "demonización" de determinadas artes de pesca por parte de Bruxelas, como o arrastre e a pesca de fondo. Sinalou a necesidade de protexer os ecosistemas mariños, as rías e os mares, pero tamén "da xente que vive do mar", como mariñeiros, pescadores, mariscadoras ou redeiras.

Comentarios