O sector pesqueiro protesta contra as políticas impostas por Bruxelas

A Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI) pediu esta terza feira  a dimisión do comisario europeo de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevicius, ante as políticas de "destrución" levadas a cabo por Bruxelas co sector da pesca.
Membros de ARVI durante a protesta onte no Porto de Vigo (Foto: Javier Vázquez / Europa Press).
photo_camera Membros de ARVI durante a protesta esta terza feira no Porto de Vigo (Foto: Javier Vázquez / Europa Press).

A Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI) pediu esta terza feira  a dimisión do comisario europeo de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevicius, ante as políticas de "destrución" levadas a cabo por Bruxelas co sector da pesca. Todo iso nunha xornada na cal tivo lugar o Día de Europa, polo que buques pesqueiros de todo o continente, incluíndo barcos de ARVI, fixeron soar as súas bucinas durante cinco minutos en sinal de protesta pola situación que vive o sector na actualidade.

"Chamada de socorro"

Desde ARVI sinalaron que as bucinas dos barcos serven para enviar sinais importantes, entre eles a chamada de auxilio. Por iso, os pesqueiros fixéronas soar, "lanzando unha chamada de socorro á sociedade" contra as políticas que, ao seu xuízo, buscan a extinción do sector, o desabastecemento de produto propio ou a perda dunha "mínima soberanía alimentaria".

Segundo a cooperativa, pescadores comunitarios consideran o Día de Europa un "gran momento" para mostrar a discrepancia de todo o sector da Unión Europea cunha política pesqueira "que cada vez defende menos os intereses de Europa e apoia menos os seus pescadores".

Protesta en bloque

Mais non foi só en Vigo onde tivo lugar a protesta xa que tamén os principais portos do Estado español se mobilizaron en bloque e de forma masiva para protestar e expresar o seu malestar contra as recentes políticas da Comisión Europea (CE) que están a "pór en risco" o futuro do sector, que lembrou que se o Plan de acción da Comisión Europea e a Lei de Restauración da Natureza se implementan como se propón, a UE arrisca 25% da súa produción de bens do mar, 7.000 embarcacións e até 20.000 postos de traballo. 

O presidente da Alianza Europea da Pesca de Fondo, Iván López van der Veen, tras o gran seguimento da protesta, sinalou que "os pescadores e as súas comunidades falaron alto e claro". "Non podemos tolerar políticas da CE que poñan en perigo a nosa forma de vida e a das xeracións futuras", indicou.

Comentarios