O TSXG denega a suspensión da taxa turística en Compostela: "Non hai un prexuízo económico inmediato e evidente" para o sector hoteleiro

A Sala salienta que "non hai un prexuízo económico inmediato e evidente para a recorrente polo feito da entrada en vigor dunha disposición que non estabelece un gravame económico directo e inmediato para o colectivo representado pola asociación, que non é a obrigada ao pago do tributo, senón que o serán os clientes dos estabelecementos".
Un grupo de turistas na praza do Obradoiro de Compostela. (Foto: Arxina)
Un grupo de turistas na praza do Obradoiro de Compostela. (Foto: Arxina)

A sección segunda da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) denega a suspensión cautelar, solicitada pola Asociación Unión Hotelera Compostela, da recarga municipal estabelecida polo Concello de Santiago ao imposto autonómico ás estadías turísticas.

No auto, contra o que non cabe presentar recurso, a Sala advirte de que non examina a validez da coñecida como taxa turística, algo que fará cando entre no fondo do asunto e emita sentenza. Así, explica que este non é "o momento procesual en que se deba analizar o fondo da cuestión, nin de prexulgar a validez ou invalidez da regulación impugnada".

A maxistratura, tras ponderar os intereses en conflito, conclúe na resolución que "non se evidencia que sexa de superior rango o interese sostido pola asociación recorrente en evitar a aplicación do tributo que o interese público inherente aos investimentos e gastos aos que o importe recadado afecta e a finalidade extrafiscal fixada pola disposición legal que o crea".

Ademais, sinala que "o mero feito de que entre en vigor a disposición" non implica a perda da finalidade lexítima do recurso presentado pola asociación para que o TSXG axuíce se a taxa turística "é ou non conforme a dereito".

O tribunal indica que para suspender a aplicación da recarga de forma cautelar se debe especificar "de que forma afecta á esfera xurídica ou patrimonial do recorrente a aplicación da devandita disposición durante o tempo que poida durar a tramitación e resolución do procedemento" para, desta forma, "valorar se unha eventual sentenza acolledora puidese perder o seu efecto útil".

Neste caso, a Sala salienta que "non hai un prexuízo económico inmediato e evidente para a recorrente polo feito da entrada en vigor dunha disposición que non estabelece un gravame económico directo e inmediato para o colectivo representado pola asociación, que non é a obrigada ao pago do tributo, senón que o serán os clientes dos estabelecementos".

A maxistratura conclúe no auto que non aprecian que a aplicación da disposición, polo tempo que dure a tramitación do procedemento, "poida orixinar prexuízos irreparábeis ou de difícil reparación para a asociación recorrente ou os estabelecementos por ela representados". Por todo iso, rexeitan a medida cautelar solicitada.

Sanmartín reitera que "non hai criterios" para suspender a aplicación da taxa turística

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, insistiu esta terza feira en que "non existe ningún criterio nin ningunha condición" pola que haxa que suspender a aplicación da taxa turística na capital galega e asegurou que "o proceso segue adiante".

Ante as preguntas dos medios, a rexedora compostelá mostrouse confiada de que esta cuarta feira se empece a aplicar este imposto de estancias turísticas. Neste sentido, a voceira do Goberno local de Compostela, Míriam Louzao, confirmou esta segunda feira que o Concello presentou as súas alegacións ao recurso exposto pola Unión Hoteleira Compostela á chamada taxa turística e que xa foi denegado polo TSXG.

Neste sentido, sinalou que "non concorren os requisitos para a súa suspensión" e que, por tanto, "non hai ningunha cuestión que evite que esta cuarta feira entre en vigor". Do mesmo modo pronunciouse esta terza feira a alcaldesa, que insistiu en que, en principio, o prazo que manexa o Concello de Santiago é que o 1 de outubro empece a aplicarse "con toda normalidade".

"En todo caso, como sabemos, hai un recurso xudicial dunha parte do sector hoteleiro e, unha vez que se resolva e que os xulgados decidan se hai medidas cautelares ou non, iso podería modificar a situación", concluíu ao respecto Sanmartín pouco antes de que o tribunal anulase dito recurso.

Comentarios