A Coruña e Compostela estrean unha taxa turística até o de agora inédita na Galiza
Ámsterdam, París, Roma, Praga, Berlín, Atenas, Lisboa, Porto, Milán, Rodas, Bolonia.... A longa lista de cidades europeas onde está en vigor a taxa turística suma esta semana dúas novas incorporacións: A Coruña e Santiago de Compostela. Son os primeiros concellos galegos en aplicar este gravame, que no Estado español foi inaugurado por Catalunya [aplicándoo a nivel autonómico] hai máis dunha década, en 2012. A taxa turística é unha realidade desde hai tempo en cidades que reciben importantes fluxos turísticos, mais non só se estabeleceu nas urbes. No veciño Portugal case 40 concellos —entre eles as arraianas Caminha e Viana do Castelo— aplican esta medida.
Rubén C. Lois, catedrático de Análise Xeográfica da Universidade de Compostela (USC) e responsábel do estudo encargado polo Concello compostelán á institución universitaria sobre a taxa turística, defende o gravame. "Introduce un novo concepto", explica Lois a Nós Diario, "e é que as persoas que nos visiten deben de ter os mellores servizos e atención, mais para iso é importante que contribúan". O turismo xera uns custos —limpeza, seguridade, etc— que deben de ser asumidos. "Outras vías serían subir os impostos aos residentes ou novos gravames á hostalaría, mais non creo que ninguén queira iso, non é?", sinala o catedrático.
A aplicación da taxa turística na Galiza, porén, bota a andar coa oposición de parte da hostalaría. Na Coruña a Asociación Empresarial de Hospedaxe da Coruña (Hospeco) anunciou que presentaría un recurso xudicial. Na capital galega a Unión Hostaleira Compostela xa o interpuxo solicitando que non se aplicase a taxa. A portavoz do Goberno local compostelán, Míriam Louzao, confirmou esta segunda feira que o Concello presentou as súas alegacións ao recurso. Neste sentido, sinalou que "non concorren os requisitos para a súa suspensión" e que, por tanto, "non hai ningunha cuestión que evite que [cuarta feira] entre en vigor".
"Agora son as instancias xudiciais as que teñen que indicar o que consideren, evidentemente, algo que nós respectaremos, mais entendemos que non hai ningún motivo para que [cuarta feira ] non entre en vigor ese imposto. É o adecuado e o correcto para a cidadanía de Compostela e para o seu beneficio, que é polo que nós traballamos e polo que estamos aquí", concluíu Louzao. A alcaldesa, a nacionalista Goretti Sanmartín, xa aclarou na fin de semana que "isto é algo que vén para quedar, é algo que se fai en moitas cidades de Europa [...] e é moi importante como beneficio para a cidade".
Pola súa parte, o portavoz do Goberno local coruñés, José Manuel Laxe, insistiu esta segunda en que a aplicación da taxa "responde á necesidade de compensar todos eses gastos extraordinarios que temos en seguridade, medio ambiente e limpeza". "Debemos facer cidade entre todos e a taxa turística non é nada que non se estea aplicando xa noutras cidades", sentenciou, para engadir que van ser "flexíbeis" neste primeiro trimestre. "O que queremos é que a maior parte dos coruñeses e coruñesas valoren que se implante unha taxa turística e póidase contribuír a manter os servizos públicos", afirmou, para recalcar que hai que buscan "un equilibrio entre o crecemento económico pero tamén na convivencia".
Tamén o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, opinou sobre a entrada en vigor deste gravame. Fíxoo na comparecencia após a reunión semanal do Goberno galego, a preguntas de Nós Diario, e para botar un capote aos hostaleiros recorrentes. "Nós sempre defendemos que se consensuase co sector [hostaleiro]", dixo, afirmando que non se fixo así. Se ben o titular da Xunta lembrou que estabelecer a taxa era unha "decisión municipal", a seguir engadiu, nun argumento nel recorrente neste tema, a súa preocupación "porque se transmita a imaxe de que veñen demasiados turistas e hai que disuadilos". Un temor que desmente Rubén Lois: "A taxa non vai facer que os turistas non veñan", apunta, con rotundidade, pondo o exemplo das cidades onde se aplica desde hai anos e con importes moi superiores aos que se van aplicar na Coruña e en Compostela.
Prezos e excepcións
Así, a taxa en ambos os dous casos vai oscilar entre 1 euro —hostais e pensións— e un máximo de 2,5 euros —hoteis de 5 estrelas— por persoa visitante e noite. Hai excepcións, tamén coincidentes entre A Coruña e Compostela, como que fican exentos do gravame deportistas federados que acudan a competicións ou persoas que pernoiten por motivos médicos, por pór dous exemplos. A maiores, na Coruña non se aplicará este ano a 'cruceristas' e en Compostela non se pagará a partir da sexta noite.
Son, en todo caso, tarifas moi inferiores ás que se aplican noutros lugares de Europa desde hai anos. En Berlín páganse 7,38 euros por noite; en Roma, máis de 6 euros, e en Ámsterdam, case 19 euros por noite.
Os estudos e análises feitas polos concellos indican que coa aplicación desta taxa se recadarían ao redor de 2,5 millóns de euros anuais na Coruña e perto dos 3 millóns en Compostela. Uns ingresos que se destinarían a paliar os custos e os efectos do turismo na sostibilidade social, e ambiental e económica destas cidades. "Por favor, que alguén atope un turista que diga que non vai vir porque ten que pagar un euro", apuntaba a rexedora coruñesa, a socialista Inés Rei, en defensa da taxa. "A sociedade compostelá quere a taxa turística, é un clamor", afirmaba Goretti Sanmartín na presentación do estudo sobre este gravame.
A capital galega rexistrou un total de 696.085 pernoitas nos primeiros seis meses do ano, mentres que na Coruña o número foi de 479.519. O primeiro caso sextuplica o número de habitantes da capital; no segundo, duplica o da cidade herculina.
"Creo sinceramente que imos ver como esta taxa se vai ir, pouco a pouco, estendendo polos concellos galegos con maior presión turística", afirma Lois. "Os veciños tamén teñen que ver que o turismo reverte positivamente nas súas vilas", conclúe.

