Luz verde á taxa turística coa que o Concello da Coruña busca reforzar os servizos municipais ante o aumento de viaxeiros
O Concello da Coruña levará proximamente a Pleno a ordenanza fiscal que regula a taxa municipal sobre o imposto autonómico sobre as estadías turísticas, a coñecida como taxa turística, unha iniciativa concibida para axudar a facer fronte ao aumento dos custos na prestación de servizos públicos, derivados, en parte, do maior número de viaxeiros e estadías turísticas que se veñen contabilizando na cidade nos últimos anos.
A alcaldesa, Inés Rei, informou esta cuarta feira dos primeiros pasos para adoptar esta medida. "Non falamos de gravar o turismo, senón de ser responsables ante unha realidade. É posíbel desfrutar da cidade e, á vez, ser conscientes de que contar con servizos públicos é posíabel porque os pagamos entre todas e todos".
O ano pasado, A Coruña quedou ás portas de superar o millón de turistas. En 2022, foron 750.000. "Isto amosa unha tendencia á alza á que, ademais, se suma un impacto territorial moi específico en algúns barrios da cidade", destacou a alcaldesa.
A taxa, de 1 a 2,5 euros
A taxa municipal que se aplicaría sobre o imposto autonómico oscila en función do tipo de aloxamento e a súa categoría. O marco normativo que prevé aplicar o Concello da Coruña estima tarifas de 2,5 euros en hoteis de 5 estrelas ou 4 estrelas superior; de 2 euros en VUT, hoteis de 4 estrelas, 3 superior, 3 e 2 superior; de 1,5 euros a embarcacións de cruceiro, VUT, hoteis de 2 estrelas, 1 superior e 1 estrela, e de 1 euro no caso de vivendas turísticas.
No caso dos cruceiros que fagan escala na Coruña, a recarga aplicaríase a partir do ano 2026. "Se se cambiase a normativa autonómica estudiaríase a non aplicación desta recarga aos cruceiros, que, en todo caso, non se aplicará neste ano 2025", matizou Inés Rei.
Exencións
Ademais, na ordenanza tamén se estipulan exencións á taxa, como as estadías por motivos de saúde, ás e aos deportistas federados por competición oficial, ás persoas menores de idade non emancipadas, ás persoas cunha discapacidade superior ao 65%, ás que desfruten de estadías por programas sociais públicos da Unión Europea, ás que leven a cabo estadías en albergues públicos ao abeiro do Plan Xacobeo e tamén ás persoas que efectúen estadías en estabelecementos hostaleiros a causa de reformas na vivenda propia na cidade.
Rei explicou que a ordenanza deberá someterse á aprobación provisional do Pleno, previsiblemente, no vindeiro mes de xuño.
Ordenanza de praias
Por outra parte, a Xunta de Goberno Local deu luz verde ao proxecto da ordenanza de uso das praias da cidade, un novo marco normativo co que o Concello busca facer compatíbel o uso e desfrute das praias coa seguridade das persoas usuarias e, en paralelo, o mantemento sostíbel e protección natural dos areais.
Un dos aspectos clave da ordenanza é a prohibición de altofalantes nas praias, unha medida que, como precisou Inés Rei, "vén derivada das molestias que producen ás persoas usuarias e, ademais, porque o ruído dos altofalantes pode interferir nas recomendacións de seguridade e nos avisos de alarma que emite a megafonía do persoal de salvamento".
O texto tamén estipula a prohibición de cans nas praias entre o 1 de xuño e 30 de setembro, excepto na cala canina de Bens. Si se autorizaría a presencia de cans de salvamento, auxiliares ou de asistencia, como os que axudan a persoas invidentes. Ademais, tamén se prevé, a futuro, a posibilidade de que o Concello defina áreas de esparexemento canino temporais ou permanentes nas praias.
Por outra banda, na tempada de baño está previsto que se permitan as actividades de deporte, sempre e cando se leven a cabo a un mínimo de 10 metros das persoas usuarias. "O Concello poderá habilitar zonas específicas nas praias para a práctica de xogos e deporte se o ve oportuno", precisou a alcaldesa.
