Traballador@s de NGB inician vaga de mobilizacións contra a reestruturación imposta por Madrid e Bruxelas

Máis de 1.500 empregad@s da entidade participaron nunha masiva asemblea na que se acordou convocar unha manifestación para o 12 de xaneiro. Con estas medidas, os e as traballador@s rexeitan o plan de reestruturación imposto á entidade e que contempla 2.500 despedimentos

A asemblea estaba convocada polos diferentes sindicatos, e á mesma, realizada en Compostela, acudiron traballadores de NGB de todos os puntos do país. Máis de 1.500 empregad@s deste grupo manifestaron a súa preocupación, mais tamén a súa indignación, polo anuncio do despedimento dunhas 2.500 persoas e pola absoluta falta de información coa que contan para saber cales son as súas expectativas de futuro.

O cadro de persoal de NCG acordou a convocatoria de paros ou folgas, en función de como evolucionen as negociacións e se non se retira a proposta de despedimentos masivos e respaldar ás organizacións sindicais para que a negociación sexa co propietario da entidade, que é o FROB. Alén disto, concretaron a convocatoria dunha manifestación nacional para o 12 de xaneiro. Unha mobilización para a que pedirán o apoio do persoal da Obra Social; das empresas auxiliares; do persoal do Banco Gallego, e en xeral, das compañeiras e compañeiros de todo o sector financeiro.

Escurantismo

Os e as representantes sindicais denunciaron que a estas alturas, alén do anuncio dos 2.500 despedimentos, seguen sen contar con información algunha dos plans da entidade, máis alá da que se publica na prensa. Na asemblea tamén se adoptaron toda unha serie de acordos, como exixir que se lle devolvan o 100% dos seus aforros aos afectados polas preferentes e das obrigas subordinadas.

Comentarios