Presidente de Agromuralla: "Temos que buscar o consenso e defender unha liña común"

A entrada en vigor da Lei da Cadea Alimentaria pouco ten mudado a situación das granxas de leite do país, que seguen a exixir unha suba de prezos á industria polo leite que lles venden. Entidades como Agromuralla van máis aló e ameazan cunha folga de entregas se a industria non atende ás súas demandas. Falamos co seu presidente, José Luis Pérez.
O presidente de Agromuralla, José Luis Pérez, o pasado 31 de decembro na súa explotación leiteira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O presidente de Agromuralla, José Luis Pérez, o pasado 31 de decembro na súa explotación leiteira. (Foto: Nós Diario)

—Comezamos o ano cunha modificación da Lei da Cadea Alimentaria pero sen moitos visos de cambio no sector, non é?
A Lei da Cadea data xa de 2013. Si que houbo modificacións, pero a nivel de aplicación nós non notamos nada. Estívose a producir por debaixo de custos durante meses e ninguén fixo por que se cumprira a lei. Tamén foi parte culpa de que se sacou  sen os instrumentos para ter unhas referencias oficiais nas que nos apoiar.

—A industria segue sen mover ficha en relación aos prezos?
Si que vemos algo de movemento. Parece que fixeron efecto as mobilizacións, tanto de Agromuralla como doutros sindicatos. Para este mes de xaneiro hai anunciadas subas de céntimo ou céntimo e medio, pero que realmente non chegan para cubrir os custos de produción, e máis cando este mes o quilo de concentrado xa nos vai custar 3 céntimos máis.

—Desde Agromuralla falouse de convocar unha folga de entregas este mes. Segue en pé?
Segue en pe, mais non é só cousa de Agromuralla, senón que é unha acción que se consensuou entre varias asociacións de toda España. Evidentemente unha folga de entregas ten que ser a nivel estatal, porque doutro modo non tería sentido que a fagan uns e outros non. Non se lograría o obxectivo que se persegue.

—Nas últimas datas temos visto movementos asociativos a nivel sindical para defender o lácteo na Galiza cunha soa voz. Invitáronlles a participar nesa plataforma en defensa do sector?
Si. Nos intentamos falar con todas as asociacións, porque entendemos que para que a cousa funcione precisamos da unión de todos e todas. Desde Agromuralla intentamos estar presentes en todos os actos de protesta. Tivemos xente no do Sindicato Labrego Galego e a Fruga na Coruña, e tamén o pasado 29 de decembro en Oviedo.

Para a folga de entregas si que habería que buscar o consenso de todas as forzas e defender sempre unha liña común.  

—Desde a Xunta defenden que a ferramenta Conta Láctea pode ser de axuda para as explotacións á hora de fixar os custos de produción. Pensades que é efectiva?
A Conta Láctea é unha boa ferramenta, pero tes que facer unha cousa cando vai valer para algo. Penso que Medio Rural debería tela consensuado co Ministerio de Agricultura, que é o que aplica a lei. A día de hoxe o que ofrece é como vender fume. Non ten utilidade ningunha.

—Neste senso, poden facer máis as Administracións para resolver o conflito coa industria?
Está claro que as Administracións son as que sacan as leis e as que teñen que facer que se cumpran. O poder está na súa man, pero móvense moitas veces por intereses económicos e por votos, entón teñen ese dilema. 

—E o 2022 como se presenta?
O momento é complicado. A suba de custos que tivemos no último ano foi bestial. Non se lembra un aumento tan forte en tan pouco tempo. Nos temos asinados contratos a un ano vista e ninguén contaba con estas subas. Xa cando se asinaron os contratos estaba a cousa moi axustada en canto aos custos e daquela xa sairamos ás rúas. Agora son xa un par de anos moi xustos, e como sigan a subir os custos das forraxes ou da luz, isto xa é insostíbel.
 

Comentarios