Telefónica lanza unha OPA por 28% do capital que non controla da súa filial alemá

A oferta formularase como unha compravenda de accións e a contraprestación ofrecida aos accionistas de Telefónica Deutschland será de 2,35 euros en efectivo por cada acción.
Sede de Telefónica en Madrid. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Sede de Telefónica en Madrid. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Telefónica vén de lanzar unha oferta pública de adquisición de accións (OPA) de carácter voluntario sobre títulos representativos dun máximo de 28,19% do capital social e os dereitos de voto da súa filial alemá, Telefónica Deutschland, da que actualmente posúe, directa ou indirectamente, 71,81%. A oferta formularase como unha compravenda de accións e a contraprestación ofrecida aos accionistas de Telefónica Deutschland será de 2,35 euros en efectivo por cada acción, o que representa unha prima de aproximadamente 37,6% sobre o prezo de feche de Telefónica Deutschland esta segunda feira, e de 36,3% sobre o prezo medio ponderado por volume durante o últimos tres meses.

A operadora ten á súa disposición os fondos necesarios para pagar a contraprestación total da oferta, segundo asegurou a operadora española á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV). En virtude desta operación, Telefónica e a súa filial alemá pretenden incrementar a contribución de Telefónica Deutschland ao beneficio consolidado e aos fluxos de caixa atribuíbeis aos accionistas de Telefónica.

Desde Telefónica subliñaron que non aceptará a oferta respecto ás accións das que xa é titular. Telefónica é titular directa de instrumentos que lle dan dereito a adquirir aproximadamente 1,32% do capital social e os dereitos de voto da súa filial xermana, e asegura que esta operación reforza a súa estratexia de centrarse nos seus principais mercados xeográficos —Estado español, Brasil, Alemaña e Reino Unido— e a súa "firme aposta" polo mercado alemán, "un dos mercados de telecomunicacións máis atractivos e estábeis de Europa".

A compañía que preside José María Álvarez-Pallete destacou ademais que esta operación, que non está suxeita a ningunha porcentaxe mínima de aceptación, tamén contribúe aos seus esforzos por "simplificar" a estrutura do grupo e aumenta os fluxos de caixa en euros. Telefónica, que explicou que o número total de accións que formarán parte da OPA será publicado máis adiante, informou á CNMV de que non ten intención de implementar un acordo de dominación e/ou de transferencia de beneficios e perdas.

Revisión da política de dividendos

No contexto desta OPA, Telefónica subliñou que ten intención de promover unha revisión da actual política de dividendos da súa filial alemá, sen prexuízo do dividendo xa confirmado de 0,18 euros por acción correspondente ao exercicio 2023 e cuxo abono está previsto para 2024. "A futura política de dividendos de Telefónica Deutschland responderá as necesidades derivadas da execución do seu actual plan de negocio e, en consecuencia, estará suxeita, entre outros, aos futuros plans de gasto e investimento de Telefónica Deutschland, así como a outros riscos e continxencias existentes ou potenciais", precisou a operadora.

Neste contexto, Telefónica afirmou que analizará a política de dividendos de Telefónica Deutschland no seu momento conxuntamente co equipo directivo da súa filial xermana. Así as cousas, a operadora española considera que esta OPA "ofrece unha xanela de liquidez atractiva cunha prima significativa para todos os accionistas, en particular para aqueles que contan coa actual política de dividendos".

As características, condicións e termos detallados desta OPA incluiranse no correspondente documento de oferta que se publicará tras a revisión e aprobación por parte do supervisor do mercado de valores de Alemaña. Telefónica precisou que o período de aceptación da oferta comezará tras a publicación do devandito documento e que a operación estará suxeita a unha condición MAC (Material Adverse Change) en termos habituais de mercado e podería someterse a aprobación regulatoria en caso de resultar necesario.

Comentarios