O principal operador de Arabia Saudita, novo accionista maioritario de Telefónica

O grupo Saudi Telecom (STC) adquire 9,9% das accións da compañía española de telecomunicacións, impedindo así que o Goberno active o 'escudo antiopas' por non alcanzar o 10%.
Sede central de Telefónica en Madrid (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press).
photo_camera Sede central de Telefónica en Madrid. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

STC Group, o principal operador de telecomunicacións de Arabia Saudita, vén de adquirir unha participación de 9,9% na española Telefónica —propietaria das marcas Movistar, O2 e Vivo— por un importe total de 2.100 millóns de euros e tornando, así, no accionista maioritario da compañía. O investimento realizouse perante a adquisición de accións representativas de 4,9% do capital social de Telefónica e de instrumentos financeiros que confiren unha exposición económica sobre outro 5% do capital social de Telefónica.

O grupo Saudi Telecom obterá os dereitos de voto correspondentes a ese 5% mediante a liquidación física dos referidos instrumentos financeiros tras a obtención das autorizacións regulatorias necesarias. Desde a compañía aclararon que non teñen intención de adquirir o control ou unha participación maioritaria en Telefónica. "Trátase dunha grande oportunidade de investimento que nos permite utilizar o noso sólido balance e manter ao mesmo tempo nosa atractiva política de dividendos", defenderon.

Esta adquisición representa "outro fito importante" na súa estratexia de expansión e crecemento, e reflicte a confianza no "crecemento sostíbel e o potencial alcista" de Telefónica. Como parte da súa estratexia de expansión, STC realizou unha serie de investimentos no sector da información, a comunicación e a tecnoloxía, tanto en Arabia Saudita como no estranxeiro, sendo a máis recente a adquisición pola súa filial Tawal dos activos de torres de telecomunicacións de United Group en Bulgaria, Croacia e Eslovenia.

O presidente de STC Group, Mohammed K. A. Al Faisal, celebrou que a súa compañía comparte "moitas similitudes" con Telefónica. "Este importante investimento a longo prazo de STC Group está aliñada coa nosa estratexia de crecemento, segundo a cal investimos en sectores como a tecnoloxía e a infraestrutura dixital en mercados que consideramos prometedores ao redor do mundo", dixo.

Desde Telefónica afirmaron que toman "nota" da "aproximación amigábel" de STC ao grupo e do seu "apoio ao equipo directivo, á estratexia de Telefónica e á súa capacidade para crear valor". A primeira hora desta cuarta feira, o comportamento en Bolsa foi positivo, pois as accións da compañía no IBEX-35 subiron 3% ao fío das 9.14 horas, até os 3,863 euros por título.

Tamén chegaron esta cuarta feira as primeiras reaccións do Goberno español. A ministra portavoz en funcións, Isabel Rodríguez, sinalou que Moncloa velará por preservar a "autonomía estratéxica" en Telefónica. "O Goberno ten a capacidade de valorar este tipo de investimentos que non afectan o control da compañía. Existen canles para preservar a nosa autonomía estratéxica que o Goberno pon en marcha, e eu o que quero subliñar é que Telefónica non só é unha empresa emblemática no noso país, senón que é unha compañía estratéxica, un operador estratéxico e que o Goberno vai velar, por suposto, pola autonomía estratéxica de España con absoluta normalidade e tranquilidade", sinalou, en declaracións a RTVE.

Aliás, fontes do Ministerio de Asuntos Económicos citadas pola axencia Europa Press aseguraron que se analizará "ao detalle" a operación e se esta require dalgún tipo de autorización por tratarse dun investimento nun operador estratéxico. Con todo, lembraron que a operación anunciada non suporía a adquisición de máis de 10% dás accións, polo que non se activaría o mecanismo de control do Goberno coñecido popularmente como 'escudo antiopas', aprobado en plena pandemia ante o esborralle bolsista para protexer as compañías estratéxicas españolas do posíbel interese de grupos estranxeiros.

Comentarios