Os carburantes arrincan 2024 coa primeira suba após tres meses de descensos: estes son os prezos actuais

A pesar desta repunta, tanto gasolina como diésel fican por baixo do prezo medio da UE e mais da eurozona.
#gasolina #gasóleo #gasolineira #carburante #combustíbel (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
photo_camera #gasolina #gasóleo #gasolineira #carburante #combustíbel (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

O prezo medio dos carburantes iniciou 2024 rexistrando as súas primeiras subas en tres meses, despois de acumular un descenso tras outro desde finais de setembro que levara o produto a despedir o ano en niveis mínimos de todo 2023 tras rexistrar un abaratamento de case 15%. En concreto, o prezo medio do litro de gasolina cortou esta primeira semana do ano coa tendencia á baixa de trece descensos consecutivos, após encarecer 0,19%, para ficar nos 1,534 euros, segundo os últimos datos do Boletín Petroleiro da Unión Europea.

Pola súa parte, o gasóleo pon fin a doce semanas seguidas en caída tras subir 0,07% con respecto á semana anterior, até os 1,493 euros o prezo medio do litro. Desta maneira, ambos os carburantes cortan unha espiral baixista que os levara a acumular un descenso no prezo de case 15% no caso da gasolina e de máis de 13% para o diésel.

A pesar desta lixeira repunta, o prezo do litro de gasolina mantense por baixo dos niveis nos que se situaba antes do inicio da invasión rusa de Ucraína —1,592 euros por litro—, o 24 de febreiro de 2022. No caso do gasóleo, porén, o prezo actual é superior ao que se rexistraba daquela —1,479 euros por litro—. Ademais, ambos os carburantes continúan lonxe dos máximos que rexistraron no verán de 2022, e máis concretamente en xullo, cando a gasolina alcanzou os 2,141 euros e o gasóleo os 2,1 euros.

Encher o depósito, tres euros máis caro que en 2022

Cos prezos actuais, encher un depósito medio de 55 litros de gasolina ten un prezo de 84,37 euros, case tres euros máis que nas mesmas datas do ano pasado, cando ascendía a uns 81,4 euros, cando xa non existía o desconto de 20 céntimos por litro que estivo vixente en gran parte de 2022. Para os vehículos de diésel, encher un depósito medio —tamén de 55 litros— supón un desembolso de 82,11 euros, uns 8 euros máis que no mesmo período de 2023, momento no que o prezo era de 74 euros.

O diésel suma 45 semanas seguidas por baixo do prezo da gasolina. Mantense así na situación habitual anterior á invasión rusa de Ucraína, que provocou que o prezo do gasoil fose máis caro que o da gasolina de forma continuada desde agosto de 2022 até mediados de febreiro de 2023, cando rompeu novamente a dinámica.

O prezo dos carburantes depende de múltiples factores, como a súa cotización específica —independente da do petróleo—, a evolución do cru, os impostos, o custo da materia prima e da loxística e mais as marxes brutas. Ademais, a evolución na cotización do cru non se traslada directamente aos prezos dos carburantes, senón que o fai cun desfase temporal.

O Estado español, por baixo da UE e a eurozona

Con estes niveis, o prezo da gasolina sen chumbo de 95 mantense no Estado español por baixo da media da Unión Europea, situada en 1,668 euros o litro, e dos países que integran a eurozona, cun prezo medio de 1,721 euros. No caso do diésel, o prezo español tamén é inferior ao da media da UE, que é de 1,633 euros, e da zona euro, onde marca un prezo de 1,666 euros.

Comentarios