O Sindicato Labrego Galego exixe á Xunta un plan de loita contra as velutinas

A presenza da velutina, detectada na Galiza este ano en áreas situadas "a máis de 1.000 metros de altura", representa un grave perigo para a "biodiversidade" e especialmente para "o sector apícola", explican desde o sindicato.
Concentración esta cuarta feira do SLG na cidade de Lugo (Foto: SLG).
photo_camera Concentración esta cuarta feira do SLG na cidade de Lugo (Foto: SLG).

Ao redor dun centenar de persoas participaron onte en Lugo nunha concentración organizada polo Sindicato Labrego Galego (SLG) para exixir á Xunta da Galiza "un plan de loita" contra a avespa velutina e frear así a "expansión incontrolábel" dunha especie que está a causar, denuncian, "grandes cifras de mortalidade".

"Hai máis de dez anos que temos avespa velutina na Galiza", denunciou, en declaracións o coordinador da área de Apicultura e Montes do Sindicato Labrego Galego, Diego Sánchez, antes de precisar que a "estratexia estatal" de loita contra a especie exótica invasora "tampouco se está cumprindo".

A presenza da velutina, detectada na Galiza este ano en áreas situadas "a máis de 1.000 metros de altura", representa un grave perigo para a "biodiversidade" e especialmente para "o sector apícola", explican desde o sindicato.

Un problema cada vez “máis grande”

"O problema vaise facer cada vez máis grande porque a especie non ten ningún depredador", subliñou Sánchez, para quen a ausencia de solucións institucionais está a ocasionar "un grave problema ambiental" e "un risco para a saúde das persoas".

A mobilización tivo lugar fronte á delegación territorial da Xunta da Galiza na cidade de Lugo.

Comentarios