O sector vinícola sofre unha forte caída das vendas

viñedo

O mundo dos viños e licores tradicionais da Galiza está a padecer unha "caída importante das vendas", xa que se trata dun sector "moi dependente da canle de restauración". Así o recoñeceu o conselleiro de Medio Rural, Xosé González, quen anunciou que a Xunta habilitará proximamente un apartado na web do seu departamento para que as profesionais do sector poidan trasladar as súas cuestións e preocupacións en materia económica no rural.

Onte, a través dunha videoconferencia coas denominacións de orixe vinícolas galegas e as indicacións xeográficas protexidas de licores tradicionais, o conselleiro lembroulles que poden acollerse á liña de financiamento do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para inxectar liquidez ante a crise do coronavirus. Neste senso, González, moi ligado a este sector, no que ten intereses particulares e familiares, abriu a porta a que, "se é necesario", se fagan "especificacións" na liña de axudas implantada pola Xunta para conceder préstamos directos a bodegas, destilerías e viticultores.

Por outra banda, e co gallo de evitar sancións por incumprimentos, Medio Rural anunciou que se van "flexibilizar" os requirimentos dependentes de subvencións europeas. Así, "se algún decide non seguir adiante coa subvención non teña ningún tipo de penalización", explica o conselleiro.

Respecto ás axudas de reestruturación e reconversión do viñedo na convocatoria de 2020, as actas de non inicio, que precisaban de funcionarios, vanse eliminar con carácter xeral, polo que bastará cunha declaración responsábel e unha reportaxe fotográfica da finca.

Comentarios