Os Mouriño, unidos polo viño cun conselleiro de Feixoo

A familia Mouriño, que en México sitúan como artífices da consecución dos contratos de Pemex para a construción dos floteis nos estaleiros galegos, ten tamén conexións cun dos conselleiros de Feixoo nun negocio totalmente diferente: o do viño. 
Núñez Feixoo e González Vázquez na visita ao Museo do Viño (Xunta).
photo_camera Núñez Feixoo e González Vázquez na visita ao Museo do Viño (Xunta).

Cando regresou de México, onde estivo emigrado, Carlos Mouriño decidiu investir na Galiza parte do que gañara no país azteca cos seus negocios no sector petroleiro. Ademais de facerse co control do Real Clube Celta de Vigo, do que é presidente, cumprindo así un dos seus sonos de xuventude, o empresario tamén apostou polos sectores inmobiliario, promotor, da automoción e o vitivinícola.

En relación a este último, o  empresario vigués fundou en 2013 con outros dous socios a firma Grandes Pagos Gallegos de Viticultura Tradicional, unha sociedade especializada no cultivo das vides a partir de métodos e producións artesanais. Esta mercantil emerxe na declaración de bens que o actual conselleiro de Medio Rural, o popular Xosé González Vázquez, presentou no Parlamento galego en 2016. 

En concreto, no apartado ‘Sociedades participadas en máis de 5% por outras sociedades ou entidades que sexan propiedade, en todo ou en parte, do parlamentario ou parlamentaria declarante’, o deputado do Partido Popular declaraba en outubro de 2016 controlar 32% de Grandes Pagos Gallegos de Viticultura Tradicional mediante a sociedade Mirador de Banga S.L. e atribuíalle un valor á mesma de 403.243,71 euros a 31 de decembro de 2015.

Pero esa participación desaparece no modificativo de dita declaración presentado en marzo de 2019, na que dito apartado figura en branco. Tamén presenta modificacións a súa participación noutra sociedade, a empresa Mirador de Banga SL, con sede en Ribadavia, dedicada ao sector vitivinícola e comanda polo seu irmán Xavier González Vázquez. A participación do conselleiro de Medio Rural nesta sociedade, a mesma coa que declaraba controlar 32% da empresa fundada por Carlos Mouriño, pasou de 78% en 2016 a 36% algo máis de dous anos despois.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

Comentarios