O sector pesqueiro solicita beneficios fiscais e sociais e un Ministerio do Mar

A Confraría da Coruña reclama a extensión das axudas na ría do Burgo.
Descarga dun barco de xarda no porto de Burela o pasado mes de marzo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Descarga dun barco de xarda no porto de Burela o pasado mes de marzo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O sector pesqueiro solicitou ao Goberno do Estado español que resulte das próximas eleccións xerais que terán lugar o 23 de xullo beneficios fiscais e sociais para as empresas pesqueiras que permitan impulsar a súa competitividade e mellorar a xestión da frota. Ademais, o colectivo da pesca propón a creación dun Ministerio do Mar.

Estas son algunhas das propostas do decálogo que remitiu a Confederación Española de Pesca (Cepesca) ás diferentes forzas políticas que concorren ás próximas eleccións xerais.

O sector cre que chegou o momento de que o Estado español recoñeza "realmente" a importancia da pesca e de que  sexa apoiada acorde ao seu labor e contribución, máis aínda, tendo en conta os cambiantes escenarios xeopolíticos globais.

Para Cepesca, promover o consumo de alimentos saudábeis, apostando por unha "fiscalidade saudábel", debe ser unha prioridade do novo Goberno estatal, máis aínda no contexto actual de inflación.

Por iso reiterou a súa petición da total eliminación do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE), de forma permanente, para os produtos pesqueiros, o que segundo o sector, redundaría nun importante aforro no gasto sanitario.

Axudas na ría do Burgo

Representantes da Confraría de Pescadores da Coruña reclamaron a ampliación das axudas mentres dure a rexeneración da ría do Burgo e rexeitaron que estas se limiten tan só até a finalización da dragaxe.

O patrón maior da Confraría de Pescadores da Coruña, Javier Mariñas, lembrou que cando remate a obra comezará un plan de recuperación e de rexeneración para que se poida retomar a actividade marisqueira.

Comentarios