Estas son as reclamacións da frota da UE para mellorar a xestión das zonas pesqueiras do Atlántico

Europêche reclama máis control aos barcos de fóra e aumento de cotas para a frota da UE.
Mariñeiros descargando no porto de Burela bonito, unha das especies máis afectadas pola eólica mariña (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Mariñeiros descargando no porto de Burela bonito, unha das especies máis afectadas pola eólica mariña. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O sector pesqueiro da Unión Europea (UE), representado por Europêche, organización na que se integran as confrarías galegas así como varias empresas e organizacións pesqueiras do país, reclamará na reunión da Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico (Iccat) que se aumenten as cotas para a UE e que haxa un control efectivo no Atlántico, especialmente nos túnidos, para frear a sobrepesca das frotas asiáticas.

Na cita, que está a decorrer en Novo Cairo (Exipto), negociarase que a pesca de especies de interese para a Galiza como o atún vermello, o bonito, o patudo ou o peixe espada, mellore a xestión das zonas de extracción.

"Calquera medida técnica que se debata, como, por exemplo, o rexistro dos dispositivos (FAD) que emprega a frota atuneira da UE, é secundario fronte á necesidade urxente de auditar o número de cerqueiros reais que operan no Atlántico e a zona de pesca de numerosos buques, como é o caso dos palangreiros asiáticos", sinalou Europêche.

O colectivo rexeita novas medidas técnicas sobre os FAD mentres non se logre unha igualdade de condicións mínima co resto das frotas, pois "só engadiría unha carga innecesaria" para a frota do cerco, que aplica "escrupulosamente" as normas de control da UE.

Respecto ao atún patudo, a frota aspira a que se eleve a 75.000 toneladas o Total Admisíbel de Capturas (TAC), fronte á cota actual de 62.000 toneladas, e a que se acurten os 72 días de veda desta especie, cuxas capturas se reduciron substancialmente nos últimos anos ao que contribuíu de forma significativa a frota de cerco da UE. Segundo o Comité Científico de Iccat, hai marxe para un aumento do TAC, xa que o nivel de explotación é bo.

Por outra parte, no que atinxe ao atún vermello, queda fóra de discusión neste encontro, xa que en 2023 Iccat acordou manter invariábel a súa cota de pesca até 2025. Con todo, a frota da UE demanda unha mellora na regulación das granxas acuícolas e que a súa capacidade sexa aliñada coa da pesca.

Comentarios