A UE negocia con 12 Estados as cotas de pesca para 2024

A frota espera "boas novas" do cumio en Vigo.
Representantes dos Estados da NAFO, esta segunda feira en Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
photo_camera Representantes dos Estados da NAFO, esta segunda feira en Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

O presidente da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI), Javier Touza, sinalou esta segunda feira que espera que as novas cotas que se decidan na reunión anual da Organización de Pesqueiras do Atlántico Noroeste (NAFO) dean "estabilidade" ao sector e recollan "importantes aumentos" do Total Admisíbel de Capturas (TAC) de especies como o bacallau.

Así o dixo no marco do 45 encontro anual de NAFO, que se leva a cabo esta semana en Vigo e onde a Unión Europea (UE) negocia con outros 12 Estados as cotas de pesca no Atlántico Norte durante o ano 2024.

O representante de Arvi reivindicou que estas reunións son unha "importante oportunidade" para trasladar á NAFO a opinión do sector sobre como se está xestionando a organización que, ao seu xuízo, "está a dar bastante estabilidade e tranquilidade" ás empresas.

Preguntado sobre que cabe esperar das cotas para o ano que vén, Touza indicou que, segundo os últimos informes científicos, podería acordarse un "aumento importante" dos TAC do bacallau e da cabra, "dúas especies moi importantes" para os armadores galegos.

Ademais desta "boa noticia" que esperan que se produza, puxo o foco no fletán, outro peixe que capturan moitos buques galegos. Respecto diso dixo que "por precaución" nos últimos anos veuse reducindo a captura desta especie "por non ter unha información científica moi actual". Agora, sinalou, espera que esta reunión acorde unha "certa estabilidade" para as cotas do fletán, con mesmo algún aumento de TAC que "viría ben" para o sector galego.

Planas critica a postura "unilateral" de Noruega

O ministro español de Agricultura, Pesca e Alimentación en funcións, Luis Planas, criticou esta segunda feira en Bruxelas a postura "unilateral" de Noruega para fixar TAC e cotas pesqueiras que son "inaceptábeis" para a UE, polo que instou a recorrer ao principio de reciprocidade comercial a fin de defender os intereses comunitarios.

Á súa chegada a Bruxelas, onde presidiu o Consello de Agricultura e Pesca, o ministro aclarou que "se [o Estado noruegués] pretende aumentar as capturas para vender á UE hai que facer xogar o principio de reciprocidade desde o punto de vista comercial para defender os intereses pesqueiros da UE".

Comentarios