Satisfacción no sector pesqueiro ante o aumento das cotas negociadas en Vigo

As capturas permitidas para o bacallau ascenderán 91,9% en 2024.
Dous mariñeiros recollen redes de pesca de arrastre (Foto: Os mares de baixura).
photo_camera Dous mariñeiros recollen redes de pesca de arrastre (Foto: Os mares de baixura).

Os resultados da reunión da Organización de Pesqueiras do Atlántico Noroeste (NAFO), que tivo a Galiza como sede das negociacións, para a fixación de cotas de captura nesta área para 2024 deixou "satisfeita" a frota galega. A satisfacción chega tras confirmarse un incremento de 91,9% nas capturas de bacallau, a suba de 56,7% nunha das zonas para a cabra e o mantemento da cota para o fletán, tras o acordo asinado entre a Unión Europea (UE) e outros 12 Estados.

Así o manifestou, en declaracións aos medios, o armador e membro do Consello Reitor da Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI) Iván López, que cualificou como "boas noticias" os acordos alcanzados no seo desta reunión.

Boa parte das negociacións, que comezaron a pasada segunda feira na cidade de Vigo ficaron fechadas xa a comezos da semana, mentres que o acordo que demorou máis en chegar foi o das cotas de bacallau.

Especies

O fletán, explicou, manterá a súa cota nunhas 11.228 toneladas, sen cambios. López valorou ao respecto que, polo menos, se manteña o volume de capturas, aínda que recoñeceu que este segue en "mínimos históricos". 

Con respecto á cabra, a organización acordou subir as toneladas de 11.171 a 17.503, un incremento de 56,7%, nunha das zonas xestionadas por NAFO. Trátase dunha pesqueira "importante" porque axuda a "xerar volume" e é fundamental ter unhas capturas "suficientemente grandes para xerar mareas".

A mellor nova foi a suba de 91,9% das cotas de bacallau, que pasan de sumar 6.100 a 11.708 toneladas. Desta maneira, confírmase a "tendencia ascendente" nas capturas permitidas desta especie que, lembrou López, tivo a pesqueira fechada 14 anos no seu momento. Non obstante, dos 30 barcos galegos que chegaron a pescar nesta área, hoxe quedan só uns oito ou nove.

Comentarios