Retiran do mercado 34.000 quilos de comida non apta para consumir

Os alimentos vendíanse no Estado español e no luso.
Imaxe de arquivo dun supermercado (Foto: Nós Diario).
photo_camera Imaxe de arquivo dun supermercado (Foto: Nós Diario).

A Garda Civil interveu máis de 34.000 quilos de alimentos non aptos para o consumo humano con destino aos mercados do Estado español e do portugués, tras unha serie de inspeccións realizadas en municipios do País Valencià, da Comunidade de Madrid e de Andalucía. 

Algúns destes produtos presentaban unha manipulación nas datas de consumo preferente, outros tiñan as datas de caducidade superadas e outros atopábanse en mal estado.

Nesta operación, denominada Mahala, contra a falsificación, venda, etiquetaxe, comercio, distribución ilegal ou a adulteración de produtos alimenticios e a fraude económica, investigouse o responsábel dunha sociedade e denunciouse outra persoa por un delito de fraude alimentaria, relativa ao mercado e ás persoas usuarias.

O pasado 23 de maio, a Patrulla de Protección da Natureza de Alacant (Pacprona), no seu labor de investigación, obtivo información sobre posíbeis irregularidades presuntamente cometidas por dúas sociedades mercantís, e o seu esclarecemento deu inicio á operación.

Nunha primeira fase, localizáronse dúas naves industriais no concello de Torrevella, no País Valencià, pertencentes ás sociedades investigadas, onde presuntamente se comercializaban produtos alimentarios caducados que despois eran distribuídos nos mercados do Estado español e do luso.

Posteriormente, detectouse a existencia doutros dous estabelecementos nas localidades de Coslada (Madrid) e Marbella (Andalucía), pertencentes a unha destas dúas sociedades, onde presuntamente se cometían as mesmas irregularidades.

Nestas actuacións retiráronse do mercado máis de 34.000 quilogramos de alimentos que non reunían as condicións para o consumo humano e que poderían xerar un problema para a saúde pública.

As dilixencias puxéronse ao dispor do Xulgado de Instrución número catro de Torrevella, mentres que todos os alimentos retirados foron destruídos por un xestor de residuos autorizado.

Comentarios