As autoridades informan da incautación dunha tonelada de produtos mariños

O peixe e o marisco foi confiscado nos municipios de Ribeira e O Grove.
Caixas de sardiña incautadas esta sexta feira en Ribeira (Foto: Garda Civil)
photo_camera Caixas de sardiña incautadas esta sexta feira en Ribeira (Foto: Garda Civil)

O Servizo Marítimo da Garda Civil deu esta sexta feira a coñecer que incautou 700 quilogramos de sardiña no porto de Ribeira (O Barbanza). Os feitos sucederon cando efectivos desta unidade realizaban un servizo na zona. 

Durante o transcurso do mesmo, observaron como un barco de pesca realizaba unha descarga de 3.199 quilogramos de sardiña que foron introducidos na lonxa para seren pesados.

Unha vez finalizada a descarga, procederon á inspección da embarcación localizando 60 caixas (698 quilogramos) ocultas con sardiña a bordo detrás doutras caixas, o que implicou unha denuncia por capturar especies superando o tope permitido e por declarar menos capturas.

Así mesmo, A Policía e o Servizo de Gardacostas da Galiza comisaron 362 quilos de diversas especies mariñas e 470 nasas nunha operación contra a pesca furtiva na ría de Arousa, na zona de San Vicente do Mar, no municipio do Grove (O Salnés).

Segundo transcendeu esta sexta feira, o operativo contra o furtivismo foi levado a cabo entre o 21 e o 30 de xuño. En concreto, incautáronse 300 quilos de polbo, 40 de nécora, 20 de lumbrigante e dous de santiaguiños, que foron liberados con posterioridade.

A acción contra o furtivismo foi activada ao coñecerse que varias embarcacións pesqueiras estaban a traballar de noite e sen luces. As investigacións realizadas deron como resultado a localización de varias liñas de nasas sen identificar con diversas especies mariñas no seu interior. Así mesmo, tanto o polbo como a nécora atopábanse nese momento en veda co obxectivo de favorecer a súa reprodución.

Veda do choco na ría de Arousa

Por outra parte, a Xunta da Galiza decretou esta sexta feira a veda do choco na ría de Arousa desde o 31 de xullo e até o 31 de outubro.

Comentarios