No conxunto do Estado español

As rendas máis altas aumentan nun 50% a súa diferenza coas máis baixas

Alárgase a fenda da desigualdade social.

Banco Central Europeo

A fenda da desigualdade social alárgase cada vez máis no Estado español, que xa é o cuarto máis desigual de Europa, só por detrás de Irlanda, Serbia e Reino Unido. A crise fixo máis profunda a fenda, especialmente nos anos máis duros. Porén, e embora os discursos de 'recuperación' e os dados macroeconómicos que teiman en convencer da mellora económica, esa fenda non diminúe unha miga.

En 2006 a renda dos salarios máis ricos era 10 veces superior á do segmento máis pobre. Unha década despois, en 2015, esa diferenza xa non é de 10, senón de 15 veces. Aumentou nun 50% en menos de dez anos. É un dos dados que se fornecen no informe presentado recentemente por Oxfam baixo o título 'Baixan os salarios, medra a desigualdade'.

Un directivo das empresas do IBEX35 necesita traballar só 15 días para gañar o mesmo que un dos seus empregados durante todo o ano

Nestes anos de crise os salarios máis altos – aqueles que de promedio superan os 5.628 euros mensuais- sofreron unha baixa media do 0,6%. Os salarios medios, do 6,1%. E os salarios máis baixos, que cada vez son os que cobran maiores segmentos dos asalariados, un 28%. Máis dun cuarto do soldo, xa de por si baixo, esvaeuse durante a crise nese segmento.

Un exemplo da desigualdade: un directivo das empresas do IBEX35 necesita traballar só 15 días para gañar o mesmo que un dos seus empregados durante todo o ano. Estes directivos, de media, teñen uns ingresos que son superiores 96 veces aos dos asalariados das súas firmas.
 

Comentarios