Reclamarán aos tecores danos do xabaril e á Xunta que "reaccione"

A organización Unións Agrarias (UUAA) comezará unha campaña de denuncias para presionar á Xunda da Galiza sobre a problemática do xabaril.
xabarins
photo_camera Xabaríns nun campo. (Foto: Nós Diario)

Unións Agrarias (UUAA) explicou esta terza feira en rolda de prensa que "muda de estratexia" para evitar os danos causados polo xabaril nas explotacións agrogandeiras galegas.

A intención é promover unha campaña para reclamar nos tribunais aos xestores dos terreos ordenados de maneira cinexética (Tecores) "o 100 por 100" dos custos que esta especie ocasiona e buscar así que a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda "reaccione".

A organización agraria, ademais, pedirá a declaración de emerxencia cinexética, como xa ocorreu na segunda metade do ano 2019, e que a Xunta poña en marcha o Fondo de Corresponsabilidade contemplado na Lei galega de caza de 2013, aínda que avisa que "quedará curto". 

"É o momento de expor que hai que ir a un cambio radical”, asegurou Jacobo Feijóo, responsábel de Desenvolvemento Rural de UUAA, "non pode ser que as poboacións de xabaril sigan descontroladas, que os danos vaian a máis ano a ano e que o custo dos danos estean a repercutir cada vez máis nas rendas dos produtores e dos gandeiros", engadiu. 

Máis

Os danos deste animal son albo constante das organizacións agrarias. Así hai unhas semanas a Fruga denunciaba a demora no pagamento das axudas anunciadas pola Xunta da Galiza destinadas ás explotacións agro-gandeiras que sufriron danos de xabaríns.

O sindicato pon de manifesto os prexuízos que a situación está provocando "nas economía e funcionamento das explotacións agrarias".

"Son moitos os labregos e labregas que nos están transmitindo esta situación e por eso, proximamente imos realizar un escrito dirixido a Consellaría de Medio Ambiente para que cumpra cos compromisos adquiridos", sinalaban desde a Federación Rural Galega.

Comentarios