As axudas para repor gando sacrificado "non compensan"

Unións Agrarias (UUAA), cre que as axudas actuais "son insuficientes" malia valorar como "positiva" a situación sanitaria do sector.
Explotación gandeira bovina (Nós Diario)
photo_camera Explotación gandeira bovina (Foto: Nós Diario)

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou esta terza feira a orde da Consellaría de Medio Rural que estabelece as bases para a concesión de axudas de compensacións complementarias e subvencións para a reposición dos animais en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, despois do sacrificio obrigatorio en execución de programas oficiais de erradicación de enfermidades.

Contarán cun orzamento de 250.000 euros na súa convocatoria para o ano 2021. Segundo a orde, poderán recibir as achegas para a compra de animais de reposición todas as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares de explotacións das especies nas que se ordenase o sacrificio obrigatorio de animais existentes nelas, como consecuencia do diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación.

Javier Iglesias, responsábel de gandaría de Unións Agrarias (UUAA), cre que as axudas actuais "son insuficientes" malia valorar como "positiva" a situación sanitaria do sector. "As indemnizacións son de aproximadamente os 1.400 euros como contía máxima cando un animal adquirido custa moito máis", asegura a Nós Diario.

Opina que acontece o mesmo con todas as axudas compensatorias que concede a Consellaría, como "as de animais mortos polo lobo ou en campañas de saneamento". Esta situación, segundo Iglesias, "non é porque non haxa diálogo entre a Administración e o sector, o que non hai é vontade por parte de Medio Rural". 

Cada vez menos sacrificios de animais

A valoración do anuncio destas axudas por parte de UUAA non ten en conta as contías globais pola redución anual como consecuencia da mellora das condicións sanitarias.

"As comarcas de Pontevedra están declaradas indemnes e seguirán ese camiño as da Coruña e Lugo", di Iglesias, que, pola contra, indica que "as de Ourense teñen algo máis de dificultades". En relación ás enfermidades máis comúns, preocupa  a tuberculose.

"Nós contabilizamos que en 2017 se sacrificaron ao redor de 1.200 animais nas explotacións gandeiras galegas e de todas elas resultaron positivos ao redor de 30 en tuberculose". A razón desta gran diferenza numérica é que a día de hoxe non hai unha proba diagnóstica efectiva desta enfermidade até que o animal chega ao laboratorio xa sacrificado.

Comentarios