Quen son os donos do vento galego?

Abrazo entre Feixoo e Sanchez Galán (Foto: Nós Diario).
photo_camera Abrazo entre Sánchez Galán, conselleiro delegado de Iberdrola, e Núñez Feixoo na primeira toma de posesión deste último como presidente galego en 2009 (Foto: Nós Diario).

Galiza é un grande potencia eólica. Segundo os datos da Asociación Eólica da Galiza, en 2021 a potencia instalada no país era de 3.897 megawatts e a produción de 8.559.000 megawatts, o que representa 39,5% de toda a xeración eléctrica da Galiza e 54,3% da súa demanda.

O país ocupa o segundo lugar do Estado español por electricidade xerada polo vento, superando a produción eólica e hidráulica as necesidades totais de consumo da Galiza. Así, as cousas nos últimos anos vense exportando a diversas partes da península, fundamentalmente Madrid, máis de 30% de toda a electricidade producida por diversas tecnoloxías. 

O poder das multinacionais

A profesora da Facultade de Económicas da Universidade de Compostela, Rosa Regueiro, sinalaba na sexta feira en Nós Diario que “os verdadeiros propietarios do vento galego son un grupo heteroxéneo formado fundamentalmente por grupos enerxéticos multinacionais e fondos de investimento internacional, que aproximadamente posúen 88% da potencia eólica instalada na Galiza”.

Regueiro significaba que a produción eólica galega estaba en mans de fondos de investimento como Tussen de Grechten B.V. e Wit Europeae Inch de Holanda; Capital Research, Blackrock Group, Capital Group, Europacific Group e outros dos Estados Unidos; ou Qatar Investment Authority e Qatar Holding, localizados en Luxemburgo, ou mesmo Three Gorges da China. Estas empresas son os receptores finais dos beneficios xerados por esta actividade”.

Iberdrola

O primeiro operador eólico da Galiza é Iberdrola. A compañía con sede social en Bilbo e sede fiscal en Madrid conta no país conta con 599,5 megavatios e 18 parques, sendo os seus accionistas de referencia o fondo soberano de Catar, con 9,72%; Kutxabank, con 3,60%; o Banco de Noruega, con 3,17% e o fondo de investimentos estadounidense Blackroc.

As conexións do PP con esta compañía son coñecidas. Á presenza de varios antigos dirixentes do partido no seu consello de administración sumáselle a súa implicación, como principal beneficiado, na trama eólica que sacudiu Castela-León ou a coñecida relación do seu conselleiro delegado, Ignacio Sánchez Galán, co antigo presidente galego e actual líder do PP, Alberto Núñez Feixoo.

Acciona

Acciona písalle os talóns a Iberdrola. A sociedade madrileña explota 562,3 megavatios e 26 parques eólicos na Galiza, construídos entre 1998 e 2005. Foi unha das principais beneficiarias das concesións dos Gobernos de Manuel Fraga. A familia Entrecanales, o seu principal accionista, con máis de 55% do capital, apareceu vinculada nalgunha ocasión ás tramas de financiamento irregular do PP.

A denominación comercial da mercantil xurdida da absorción de Fenosa por Gas Natural, Naturgy, dispón de 393,2 megavatios e 16 complexos de xeración no país. A eléctrica ten fixada a súa sede social en Madrid e está participada pola entidade financeira La Caixa, con 24,4%; pola sociedade británica de capital risco CVC Capital Partners, con 20%; pola GIP III Canary 1 S.A.R.L, división enerxética do fondo de investimentos estadounidense Global Infrastructure Partners, con 20%, e pola empresa do gas alxerina Sonatrach, con 4%.

Endesa

Endesa é o cuarto operador eólico da Galiza. A eléctrica, unha das xoias da coroa do sector público estatal, privatizada polo Goberno de José María Aznar -quen pasado o tempo fixo parte do seu Consello de Administración- conta cunha potencia instalada de 262 megavatios e 13 parques operativos. A sociedade ten o seu enderezo fiscal en Madrid e é propiedade de Enel, compañía enerxética italiana de capital público, que controla 70% das accións de Endesa.

Energias de Portugal (EDP) está presente de vello no negocio galego das renovábeis.. A súa sede fiscal no Estado está en Oviedo,  porén, o seu accionista maioritario, con 28,75% das participacións, é China Three Georges Corporation, empresa pública chinesa que se fixo con EDP tras a súa privatización polo Goberno portugués, seguindo as directrices da troika. Logo da mercantil chinesa, con preto de 29% das participacións, sitúanse Iberdrola, con 6,79% .

Comentarios