Diversas organizacións ecoloxistas, sindicais e sociais concentráronse na mañá deste sábado ante diferentes sedes administrativas dos gobernos galego e estatal na Coruña, Chantada, Compostela, Pontevedra, Ourense, Ordes, Betanzos, Lugo, Vigo, Vilagarcía, Vilalba, Ferrol.
O obxectivo da convocatoria é denunciar o "escurantismo" e a "falta de participación pública" no reparto dos fondos europeos 'Next Generation', que mobilizarán até 140.000 millóns de euros no Estado español, unha metade como préstamos e a outra a fondo perdido, mais condicionados a reformas estructurais no eido laboral e das pensións.
"Os fondos que achega a UE están a conseguirse a través da venda masiva de bonos de débeda que non sairán gratis e que, con toda probabilidade, haberá que pagar nun futuro", alertan.
As entidades convocantes denuncian que "o pastel xa está repartido" e, na meirande parte, destinarase "á industria enerxética e ás empresas que pretenden lucrarse cun novo espolio dos recursos do sector forestal galego".
Lamentan a "falta de transparencia" da Xunta na distribución dos fondos, e exixen que se modifiquen os criterios de reparto para mudar a situación.
"Precisamos máis transparencia e participación da sociedade civil na toma de decisións e nos criterios de adxudicación e inclusión de estritos controis ambientais e sociais dos proxectos", aseguran.
As organizacións advirten que estes fondos "non van ser de balde", senón que "serán custeados por toda a cidadanía con axustes laborais, no sistema de pensións e nas contas públicas".