Propietarios dunha granxa de Manzaneda protestan ante a Xunta tras o sacrificio de todas as súas vacas: "Estamos abandonados"

Os propietarios da granxa de Manzaneda (Terra de Trives) á que lle sacrificaron todas as súas vacas a raíz dun brote de tuberculose, Secundino e Luís, protestaron esta cuarta feira ante a Xunta da Galiza, en Compostela.
Protesta ante a Xunta polo protocolo de baleirado de animais (Foto: Arxina).
photo_camera Protesta ante a Xunta polo protocolo de baleirado de animais (Foto: Arxina).

Os propietarios da granxa de Manzaneda (Terra de Trives) á que lle sacrificaron todas as súas vacas a raíz dunha repunta de tuberculose, Secundino e Luís, protestaron esta cuarta feira ante a Xunta da Galiza, en Compostela, acompañados de veciñanza e membros do Sindicato Labrego Galego (SLG). "Sentímonos abandonados porque vemos que non van ser suficientes as axudas que nos van dar", afirmaron.

O SLG convocou esta concentración en San Caetano polo plan de saneamento fronte á tuberculose bovina, contra o sacrificio obrigatorio de animais e as indemnizacións "de miseria". As persoas que participaron portaban unha pancarta na que se podía ler: "A Xunta quer matar vacas sans. As labregas exiximos respecto". Alí, fixeron soar chocas, bucinas e chifres.

Estes irmáns explicaron que tres animais deron positivo en cultivo e "xa non se fixo ningunha proba máis, directamente baleirado sanitario". Así, a Xunta sacrificou a 49 cabezas de vacas e becerros, ademais de tres ovellas e unha cabra.

Estes gandeiros da aldea de Palleirós, en Manzaneda, calculan unha perda de ao redor de máis de 800 euros por vaca e agora teñen que estar seis meses paralizados co baleirado. "Como non sabemos nada do que nos van pagar, estamos aínda en dúbidas do que facer", sinalaron sobre o seu futuro, pois segundo lembraron, a compra dunha vaca supón un custo de 2.000 euros por cabeza. "Para repor o que tiñamos é practicamente imposíbel. Estamos sen saber o que podemos facer", afirmaron.

"Despois de pedir tres ou catro veces que nos recibise o conselleiro, non nos recibiu absolutamente ninguén". "A día de hoxe aínda non tivemos contestación do que imos cobrar por parte da Xunta da Galiza nin por parte do matadoiro", denunciou Secundino. "Matáronnos os animais e aínda non sabemos que indemnización imos recibir", agregou.

O SLG reclama indemnizacións "xustas"

Respecto diso, a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, demandou que se evite matar animais sans e que as indemnizacións sexan "xustas" porque "son insuficientes totalmente". Así mesmo, lembrou que o ano pasado matáronse a 400 animais do mesmo titular na Terra Chá.

Ademais, requiriu á Xunta que se sente coa granxa para coñecer a súa situación e as opcións que ten. "Pregúntome se cando haxa un positivo nunha granxa, destas que lle gusta tanto visitar ao conselleiro, de mil vacas, van matar as 999 restantes?", cuestionou.

"Non imos parar aquí", avisou, antes de avanzar que levarán este tema aos grupos parlamentarios e tratarán a cuestión co Ministerio español de Agricultura ao ser un plan estatal de erradicación da tuberculose.

Resposta da Consellaría

A Consellaría do Medio Rural defendeu onte que cumpriu "escrupulosamente" coa normativa "para protexer ao sector" coa decisión do sacrificio das vacas. "A Xunta non sacrifica vacas sas", engadiu. "O gandeiro recibirá integramente o valor das reses, polo que non perderá diñeiro", concluíu Medio Rural.

Comentarios