A produción industrial afundiu un 8,6% en 2020 na Galiza, o maior descenso desde 2009

O indicador tamén baixa en decembro na Galiza, un 0,8%, fronte á repunta do conxunto estatal.

 

Non só a Covid-19, senón tamén a crise industrial, obrigan moita xente nova a emigrar para poder ter un futuro laboral (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O Índice xeral de produción industrial descendeu unha media do 8,6% en 2020 na Galiza, co que rexistrou a súa maior caída desde 2009, cando baixara un 15,2% en plena crise financeira, segundo os datos que publica esta segunda feira o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Desde entón, a produción industrial fora recuperando, con diminucións, pero menores, en 2010, 2011 e 2012 (-0,1%, -6,6% e -6,8%), un aumento do 3,2% en 2013, de novo unha redución en 2014 (-4%) e subas nos anos seguintes até 2019 (+4,2%, +2,3%, +1,8% e +4,9%). O exercicio anterior ao do estoupido da pandemia do coronavirus, o indicador retrocedeu un 3,8%.

Mentres, en decembro, e ao contrario da repunta que experimentou a produción industrial no conxunto estatal, o índice contraeuse un 0,8% na Galiza.

Por destino económico dos bens, a produción industrial anotouse en 2020 do 10,3% nos bens de consumo, do 9,1% nos bens de equipo, do 7,6% na enerxía e do 7,2% nos bens intermedios.

No conxunto estatal, descendeu unha media do 9,1% en 2020, a súa maior caída desde o exercicio 2009, cando este indicador afundiu un 16,2% en plena crise financeira.

Comentarios