A produción eléctrica con carbón creceu 87% na Galiza en 2022

Galiza, Un Futuro Sen Carbón avisa de que na actual década as emisións de gases con efecto invernadoiro deberían diminuír até 65% respecto a 1990, "case o dobre do conseguido até hoxe".
Endesa reactiva a súa central térmica das Pontes. (Foto: Europa Press).
photo_camera Endesa reactiva a súa central térmica das Pontes. (Foto: Europa Press).

A produción eléctrica con carbón ascendeu a 859,3 GWh na Galiza en 2022, o que supón un aumento de 87% respecto ao ano anterior -aínda que só supón 4% da produción galega-, segundo denuncia a plataforma Galiza, Un Futuro Sen Carbón con base en datos provisionais de Rede Eléctrica de España (REE).

Nun comunicado, reclama que 2023 sexa o ano do "fin definitivo" da queima de carbón na Galiza, co fechamento total e desmantelamento da central térmica de Endesa nas Pontes tras rexistrarse un aumento de produción en 2022.

E é que alerta de que o aumento da actividade de carbón e das centrais de ciclo combinado a gas fósil supuxo que as emisións causantes do cambio climático volveron crecer en 2022 despois de tres anos á baixa.

Aínda que recoñece como unha "mala noticia" o repunte do uso do carbón na Galiza, aclara que "non cabe falar, nin moito menos, de regreso ao carbón", xa que este pasou de achegar entre 9.500-11.000 GWh/ano e 30%-40% da produción galega en 2015-2018 a menos de 900 GWh e  4% en 2022.

Respecto diso, esta plataforma lembra que, en setembro do ano pasado, o Ministerio para a Transición Ecolóxica autorizou o fechamento de dous de catro grupos da central das Pontes e diferiu o doutros dous sen que se coñeza "até cando se prolongará esta insólita situación de feche diferido da metade da central de carbón das Pontes". E é que na Galiza xerouse en 2022 11% da electricidade producida con carbón no Estado español.

Galiza, Un Futuro Sen Carbón avisa de que na actual década as emisións de gases con efecto invernadoiro deberían diminuír até 65% respecto a 1990, "case o dobre do conseguido até hoxe".

Igualmente, reclama á Consellaría de Medio Ambiente un proceso amplo e real de participación pública para a prometida Lei do Clima da Galiza.

Comentarios