A produción de alimentos con certificado ecolóxico, unha oportunidade para a Galiza

60% dos alimentos que se consomen véndenos grandes distribuidoras.
Unha das actividades formativas celebradas este ano no Equal Rural 2023 (Foto: Nós Diario).
photo_camera Unha das actividades formativas celebradas este ano no Equal Rural 2023. (Foto: Nós Diario).

O proxecto Equal Rural -no que traballan a Reserva da Biosfera de Allariz e o GDR Limia-Arnoia, entre outras entidades- puxo o ramo ás actividades e obradoiros que vén desenvolvendo desde outubro na comarca de Allariz-Maceda cunha xornada no Fogar dos maiores, desenvolvida este nadal. O obxectivo é pór en valor as labregas do pasado e do presente e concienciar sobre a importancia do campo e da agricultura local. Mar Pérez Fra, economista da Universidade de Santiago de Compostela, e Isabel Vilalba Seivane, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, trataron na xornada  desenvolvida na vila de Allariz distintos aspectos da produción alimentaria na Galiza. 

"A demanda de produtos ecolóxicos non para de medrar. O seu incremento non cesou nin durante a pandemia nin nos anos máis duros que viñeron despois da crise de 2008. Isto debería facernos reflexionar. O consumo de produto certificado vai aumentar si ou si. Polo tanto, no país enfrontámonos á seguinte decisión: darlle aos consumidores, que optan polo ecolóxico, produtos importados ou podemos comezar a producilos nós". Desta maneira, Mar Pérez Fra explica que  Galiza ten unha oportunidade "moi clara" de adoptar un modelo de produción alimentaria máis sostíbel e menos daniño para o ambiente.

"Vantaxes competitivas"

O territorio galego conta con certas "vantaxes competitivas" que poderían facilitar o cambio do actual paradigma produtivo do sector agroalimentario a ese modelo máis sustentábel promovido no Pacto Verde, unha estratexia da Unión Europea que ten por meta a transición cara a unha economía máis sustentábel e que marca varios obxectivos recomendábeis a moitos niveis, entre eles a produción de alimentos, explica Pérez.

Nese sentido, afirma que, no momento actual, a Galiza atópase "moi lonxe" de cumprir eses propósitos, mais asegura que é unha "área privilexiada, xa que no país hai un alto número de explotacións agrarias e unhas condicións climáticas e produtivas ideais para avanzar cara a modelos máis extensivos con menos consumo de auga". 

Pola súa parte, Isabel Vilalba destaca que "importamos moitos produtos que poderíamos estar producindo nós. Facelo xeraría riqueza no país, fomentaría o emprego e reduciría o gasto enerxético. Na Galiza, temos un potencial enorme. É o momento de apoiar que a maioría da alimentación básica se relocalice en base a non depender  de importacións de miles de quilómetros, senón de ámbitos moito máis próximos". 

Seguindo esta liña, as importacións supoñen un atranco para a localización. Pérez alerta de que a "Unión Europea está a reforzar a súa posición exportadora de alimentos e, ao mesmo tempo, tamén importa máis produtos do sector primario. Está a profundar ese intercambio internacional de alimentos e iso é pouco coherente". 

Alén do anterior, as dúas relatoras coinciden en que, como consumidoras, tamén se pode actuar e xogar un papel de relevancia nesta cuestión. Á día de hoxe, case 60% dos alimentos que se consomen son vendidos por grandes empresas de distribución, polo que é importante reflexionar sobre os hábitos de consumo, pois está na man da consumidora cambiar a situación.

"A maior parte do consumo é unha cuestión globalizada"

"Aproximadamente 2.800 millóns de toneladas de produtos do sector primario son transportadas ao ano por estrada dentro da Unión Euroepa", sinala Mar Pérez Fra. "Isto indica que a maior parte do consumo de alimentos segue a ser unha cuestión globalizada. É certo que a nivel local hai un certo rexurdir do consumo en circuítos curtos, mais do volume total de alimentos que consumimos, esa é unha parte moi pequena", destaca.

Comentarios