Entrevista

Isabel Vilalba, secretaria xeral do SLG: "Os alimentos non poden ser para especular, que é a realidade de hoxe"

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas celebra neste 2023 o seu cincuenta aniversario. Continuando a traxectoria de mulleres (Lidia Senra, Carmen Freire) que estiveron á súa fronte, a actual secretaria xeral, Isabel Vilalba (Lourenzá, 1973), analiza algúns dos triunfos logrados e os retos dun rural decimado neste tempo, que pasou de 500.000 persoas a el dedicadas ás 50.000 actuais, e debuxa algunhas ideas para conseguir un rural de futuro.
Isabel Vilalba, do SLG (Foto: Xan Carballa).
photo_camera Isabel Vilalba, do SLG. (Foto: Xan Carballa).

Cal é a diferenza entre 1973, cando se funda o SLG, con fortes mobilizacións, e o que é hoxe, cinco décadas pasadas?
Pódese contemplar desde moitos puntos de vista pero naquel momento había medio millón de persoas activas no medio rural dedicadas á actividade agraria e hoxe falamos de 50.000. Poñamos o caso do sector leiteiro, cando en 1986 había 100.000 proxectos dedicados á produción láctea, de moito tipo, algúns cativos con outras diversificacións, e hoxe estamos en 6.000. 

Isto tamén repercute nas organizacións do agro. Cando comecei, en 1998, e convocabamos unha mobilización, en Lourenzá (A Mariña), de onde eu son, na miña parroquia había vinte casas con vacas nas que avisar e hoxe nunha parroquia quedan unha ou dúas. Mudou moito todo e séguenos parecendo que as institucións reaccionan se hai demandas, por iso a mobilización da sociedade segue a ser importante. Os poderes económicos teñen moita capacidade de influír e só cando o sector se mobiliza logramos mudanzas. Por exemplo paralizando proxectos de megaminaría como o de Corcoesto, o do feldespato na Limia ou o seixo na Terra Chá.

Ademais da cantidade de xente ocupada que sinalaba tamén inflúe a elevada media de idade (nos xefes de explotación, hoxe está nos 63 anos) ou a enorme burocratización que se lles impón como autónomos. Iso obríganos como sindicato a prestar moitos servizos para ter presenza e influencia e limítanos noutras accións.

É tamén importante destacar que obtiveron trunfos importantes en reivindicacións históricas.
Probabelmente, aínda coas nosas limitacións, poucas cousas se fixeron no rural sen o SLG estar presente. A mobilización sobre a Cota Empresarial foi resistencia de longo percorrido e baixo ameaza, pero botouse abaixo, aínda que a maneira de desistir a Administración do seu cobro até extinguilo foi realizada para que non se vira tan nidiamente que era un gran trunfo da mobilización social sen descanso. 

Hai outros moitos triunfos, por exemplo, que non teñamos unha central nuclear no país como a que se quixo instalar en Xove, na Mariña. E resistencias menos visíbeis como a defensa dos montes veciñais en man común ou outros ambientais. Neste tempo, detendo a mina de ouro de Corcoesto ou o proxecto de Erimsa que destruiría miles de hectáreas produtivas na Terra Chá.

Tamén no seu día, cando se negociou a entrada na Comunidade Económica Europea (CEE) e se negou o futuro a moitas granxas pequenas e diversificadas pola imposición de cotas de produción láctea, a resistencia e a acción do SLG axudou a ampliar a capacidade produtiva e paramos moitas multas. 
É certo que despois lograron impor un mercado especulativo que fixo que moita xente estivera atada a grandes créditos pero ao final chegouse a algo semellante ao que nós defendiamos, que era unha redistribución que non se fixese en base ao endebedamento. Foi unha mistura de trunfos importantes ou de cousas que non foron a peor pola acción do SLG. Seguimos sendo unha ferramenta de dignidade e identidade.

Recentemente escribía vostede en Nós Diario, aclarando o concepto da "soberanía alimentar". Como explicaría esa trabe de ouro do programa do SLG?
Os alimentos non poden ser unha mercadoría para especular, que é a realidade de hoxe. Representando ao SLG teño estando en diversos grupos e observatorios consultivos europeos, e quen sentan aí son grandes corporacións que buscan chegar a mercados internacionais con vantaxes competitivas e prezos baixos. As políticas europeas baséanse nesa premisa. A nosa sería que o sentido da agricultura e a gandaría é fornecer alimentos á sociedade e debemos pensar no dereito a recibir eses alimentos e valorar a nosa capacidade para cubrir a demanda. 

Pensar como facer que esa actividade teña continuidade, sen degradar ou contaminar a terra, mirando a futuro en termos de biodiversidade e sabendo o impacto negativo que ten en terceiros países. 

A día de hoxe non é aceptábel que a gandaría europea se alimente con proteína que vén de deforestar grandes áreas de América, por exemplo. Temos obriga de producir alimentos saudábeis, accesíbeis e que usen a terra e a auga sen comprometer o futuro. Cada vez é máis frecuente que xente con emprendementos produtivos teña que truncalos porque as condicións de prezo e custos fanas imposíbeis. 

Podemos ter unha macrogranxa que produza toneladas de carne, pero nin é o saudábel que precisa a sociedade nin xestiona acaidamente o territorio. Todo iso englóbase no concepto de soberanía alimentar.

Tense falado de que a nosa estrutura da propiedade é un hándicap para proxectos viábeis, pero cando se pon en marcha un Banco de Terras, obstaculízase. E hai experimentos históricos de cooperativismo, como pode ser Coren, que son ben diferentes do que idealmente se podería pensar dese mancomunar esforzos. Como debería ser o cambio agrario que precisa Galiza?
O primeiro é que o gran monocultivo non é o máis produtivo. Brasil chegou a ter dous ministerios diferenciados, o do agronegocio e o da agricultura familiar, e concluíron que as producións diversificadas eran as máis útiles, en rendibilidade por superficie e en máis emprego agrario.

No futuro, ademais, a dispoñibilidade de combustíbeis fósiles diminuirá e carecerá de sentido traer produtos desde 3.000 km. Os retos enerxéticos, climáticos e sociais son moi grandes. A inmensa maioría da alimentación animal de Coren depende do mercado internacional, son cereais que non se producen no país nin perto, e daquela é moi vulnerábel a todo o que sucede xeoestratexicamente no mundo. Vímolo na pandemia que nos faltaban tantas cousas básicas ou en conflitos como Ucraína coa suba de prezos a insuficiencias de cereal. Na FAO debátese cada vez máis como relocalizar a produción: Que terra precisamos para producir alimentos? 

Hai que desbotar de entrada as ideas de que os alimentos van vir de fóra e non precisamos agricultura propia; despois darlle prioridade a non perder terras agrícolas, porque nestes anos vimos como se converteron en forestais grandes espazos que antes producían alimentos. Ou que agora se consideran estratéxicas e expropiábeis terras para produción eólica, pero xa non se consideran estratéxicas se falamos de proxectos gandeiros. 

Creouse no seu momento o Banco de Terras pero non se puxeron medios para que funcionase, non se publicitaba que existía, nutriuse apenas con sobrantes das concentracións parcelarias e cando alguén acudía , a media para obter resposta era de tres anos! Non foi unha ferramenta eficaz porque deliberadamente non se quixo.
Temos 22% de terra agrícola, susceptíbel de produción de alimentos, pero boa parte dela está para producir forraxes e é mínima para alimento directo da xente. Co envellecemento da poboación non temos ningún mecanismo para que a xente que quere dedicarse poida acceder a terras. A administración debía ter accións que o faciliten, simplificando trámites, con axuda en vivenda, fomentando o acceso das producións ao mercado, aos comedores escolares ou das residencias… iso dinamizaría rapidamente melloras en emprego e dinamización dos territorios.

Non creo que un modelo de grande industria sexa o que precisamos nin en produción hortícola nin no leite nin noutros. E precisando I+D+i no rural temos centros tan importantes de investigación como o de Mabegondo, aos que non lles cobren as xubilacións. Fai falta un proxecto verdadeiro de país en moitos campos, pero imperativamente no territorio e na alimentación.

—Falou dunha idade media moi elevada, pero tamén hai un grupo de xente nova que quere incorporarse e facer unha vida activa no rural. A quen se pode dirixir?
Non teñen interlocución. En tempo a Administración tivo unha ferramenta que eran as Axencias de Extensión Agraria, que foron moi importantes, e desmanteláronas, hoxe até se privatizou a pouca xestión que lles quedaba. Un trámite como procurar as axudas da Política Agrícola Común (PAC) faise por asesorías privadas ou bancos;  se tramita un expediente para incorporar alguén debe contratar un gabinete técnico, realmente a Administración desmantelouse a si mesma como dinamizadora do territorio.

É un problema grave porque quen teña un proxecto carece dun apoio integral e iso é parte do problema. Quebrou a liña de transmisión xeracional de coñecementos e cando os pais que se ocupan rematan a súa vida laboral non teñen como dar continuidade a esa actividade. A Administración é a principal responsábel de darlle unha volta, con axuda, promoción, asesoramento, e facelo sen propostas de grande endebedamento. 

—Que diversidade fai falta para ocupar o 22% de terras agrarias non forestais que temos? Pensamos en leite, viño, patacas, carne, ovos… e na necesidade de chegar á comercialización, porque contamos a priori cunha boa imaxe de calidade.
Eses son sectores moi importantes, porque das extensións de montaña para gado de carne compréndese o seu valor e importancia. Eses pasteiros son a opción máis viábel e que mellor xestiona o territorio. Pero non podemos seguir pensando na produción só cos ollos virados ás industrias leiteiras. Esa produción, se ten valor engadido, é importante pero podemos estar xa nun límite e hai outros alimentos que podemos producir aquí xerando valor engadido. Debemos abandonar a idea de facer materia prima barata que moitas veces nos arruína cando soben custos de produción sobre os que carecemos de control algún e os prezos non dan para sosterse. Producimos 40% do leite do Estado, pero a construción do prezo impono unilateralmente a industria. 

A diversificación é unha das palabras principais: completando no posíbel procesos produtivos con valor engadido e unha cadea curta de valor entre os produtores e os mercado. O Índice IPOD  mide a diferenza entre prezo en orixe e en destino dun produto agrícola. A media hoxe está en 400% pero chega mesmo a 900%. Probabelmente se esa porcentaxe, chea de intermediarios, se reduce, con mercados e circuítos locais e curtos, aumentaríamos tanto a capacidade do consumidor para ter produtos de calidade e tamén melloraría a remuneración dos produtores, con beneficios globais para toda  a comunidade. Non é inventar nada, sucede así en moitos países.

Comentarios