Primeira xornada de folga en Povisa cun seguimento do 75%

O persoal laboral do hospital privado de Vigo deu comezo esta segunda feira a unha folga indefinida. @s traballadoras-es denunciaron incidencias por parte da dirección do centro hospitalario por incumprimento dos servizos mínimos

O plantel de traballadoras-es do hospital de Povisa (Vigo) comezou esta segunda feira (19 de agosto) unha folga indefinida após a suspensión das negociacións do novo convenio colectivo. 

Desde o comité de empresa denuncian que a dirección de Povisa pretende " impor unha merma inasumíbel das condicións salariais e laborais" que abranguerían unha redución de até o 40% dos soldos. Asemade, a empresa prevé suprimir os pluses de domingo e feriados de distancia. Para alén de situar a nova xornada laboral nunha faixa de entre 1475 e 1775 horas anuais. 

María Xesús Neira (CIG), integrante do comité de empresa de Povisa: "O persoal está farto das condicións de traballo que ten"

"O persoal está farto das condicións de traballo que ten" afirma en conversa con Sermos Galiza María Xesús Neira, membro do comité de empresa de Povisa. Desde o propio hospital, onde arestora se manteñen os piquetes informativos, Neira dá conta das incidencias que se están a desenvolver nesta primeira xornada de folga. 

"Están sacando os traballadores das plantas onde hai servizos mínimos para outras onde non os hai". Desde o comité de empresa lembrar que xa tiveron que pór unha denuncia perante a Inspección de traballo polo intento de boicote ao acordo de servizos mínimos. De novo "tivemos que chamar a inspección" que lle fixo un requirimento á dirección, conta María Xesús, "para a obrigar a cumprir o acordado". 

"Están sacando os traballadores das plantas onde hai servizos mínimos para outras onde non os hai"

Isto acontecía de mañá, "agora pola tarde seguen igual". A actitude amosada por Povisa constitúe para a CIG unha "evidencia da falta de vontade da dirección para acadar calquera entendemento". 

A xuízo o 27 de agosto
A dirección do hospital privado pretende impor @s traballadoras-es o convenio provincial namentres non se acada un acordo a respeito das novas condicións laborais. Este instrumento fixaría unhas condicións de traballo máis precarizadas e vulneraría un dos artigos que contempla o convenio que expira onde se recolle a prevalencia deste até se aprobar un novo. 

Serán a xustiza a que o vindeiro 27 de agosto determine se Povisa debe ou non recoñecer a vixencia do convenio extinguido. "Estamos certas de que nos darán a razón" afirma María Xesús pois lembra que así o recoñece o propio convenio.  Até daquela, advirten á dirección do hospital que manterán a folga.  

Comentarios