Os prezos industriais encadean 21 meses consecutivos de incrementos

Os custos das fábricas aumentaron 20% nun ano.
Automóbiles producidos na factoría de Stellantis Vigo (Foto: Pedro Davila / Europa Press).
photo_camera Automóbiles producidos na factoría de Stellantis Vigo (Foto: Pedro Davila / Europa Press).

Os prezos industriais rexistraron un crecemento interanual en novembro de 20% na Galiza, segundo os datos que publicados esta sexta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE). 
No que vai de ano, experimentaron un aumento de 15,1%, mentres que os prezos da industria baixaron no país 1,8% en relación ao mes de outubro. 

Coa repunta interanual de novembro na Galiza, catro puntos inferior á experimentada en outubro e a menor desde agosto de 2021, a inflación do sector industrial encadea 21 meses consecutivos de taxas positivas.

A moderación da taxa interanual dos prezos industriais rexistrada en novembro débese fundamentalmente á enerxía, que recortou a súa variación interanual case 11,2 puntos porcentuais, até 31,1%. 

Porén, a pesar do descenso dos bens enerxéticos e dos combustíbeis en novembro de 2022, os prezos destes produtos seguen a ser apartados que experimentan importantes subas con respecto aos custos que se rexistraban no mesmo mes de 2021.

Así, por actividades, as maiores repuntas de prezos en comparación con novembro de 2021 déronse no refino de petróleo -sen datos a nivel galego- (49,7%), na fabricación de material e equipo eléctrico (35%), na industria do papel (28%), na subministración de electricidade e gas (25,2%), na industria da madeira e da cortiza (20%) e na da alimentación (19,8%).

A moderación da taxa internanual en novembro tamén tivo influencia dos bens intermedios, cuxa taxa interanual baixou máis de 2,8 puntos porcentuais, até 18,1%, polo menor custo na fabricación de produtos químicos básicos e de ferro. 

Por contra, os prezos dos bens de consumo non duradeiro elevaron en novembro a súa taxa interanual tres décimas porcentuais, até 14,4%, pola suba na fabricación de produtos lácteos.

Sen contar a enerxía, os prezos industriais mostraron en novembro unha repunta interanual de 13,9%, nove décimas porcentuais menor que a de outubro e 6,1 puntos porcentuais por baixo da taxa xeral.

Comentarios