Os prezos dos alimentos acumulan 38 meses de subas consecutivas

Os prezos seguiron coa súa escalada na Galiza no mes de novembro, cunha suba dunha décima porcentual con respecto a outubro e cun incremento de 7,5% en comparanza co mesmo mes do ano anterior. O prezo dos alimentos acumula xa 14 meses de suba mensual consecutiva. Así, a cidadanía galega paga 15% máis pola alimentación que no mes de novembro de 2021. En termos interanuais, os alimentos e as bebidas xa encadean 38 meses de suba. 
A evolución do IPC na Galiza dos alimentos e bebidas non alcólicas acumula 38 de incrementos interanuais consecutivos (Gráfica: INE / Nós Diario).
photo_camera A evolución do IPC na Galiza dos alimentos e bebidas non alcólicas acumula 38 de incrementos interanuais consecutivos (Gráfica: INE / Nós Diario).

A inflación non da tregua na Galiza e seguiu a súa escalada durante o mes de novembro, un mes no que a pesar da caída dos prezos no conxunto do Estado español (-0,1%), a economía galega sufriu unha nova alza do Índice de Prezos de Consumo (IPC), que aumentou en 0,1%.

En termos interanuais, é dicir, en comparanza co mes de novembro do ano anterior, a economía galega tamén experimentou unha peor taxa do IPC (+7,5%) da que resultou a nivel estatal (+6,8%).

As principais subas de prezos con respecto ao mes de outubro na Galiza foron a do vestido e o calzado (+3,8%), até cinco décimas porcentuais por riba do aumento no Estado español; dos alimentos e bebidas non alcólicas (+0,9%), até catro décimas porcentuais por riba do incremento no Estado español; e dos móbeis, artigos do fogar e artigos para o mantemento corrente do fogar (+0,9%), neste caso dúas décimas porcentuais máis que no Estado español.

En termos interanuais, o principal ascenso de prezos dáse no caso dos alimentos e bebidas non alcólicas (15%), dúas décimas porcentuais menos que no Estado. Séguelle o transporte, que foi en novembro 9,1% máis caro que no mesmo mes do ano anterior, 1,4 puntos porcentuais máis que a taxa a nivel estatal; de restaurantes e hoteis, que se encareceron 8,7%, 0,9 puntos porcentuais máis que no Estado español; e dos móbeis, artigos do fogar e artigos para o mantemento corrente do fogar, que subiron 8,3%, neste caso coincidindo a taxa coa estatal.

O avance do IPC na Galiza dáse a pesar da caída en termos mensuais de 3,9% dos prezos no apartado de vivenda, auga, electricidade, gas e outros combustíbeis. Porén, o custo neste eido segue a ser 2,7% maior que no mes de novembro de 2021.

De feito, o prezo de vivenda, auga, electricidade, gas e outros combustíbeis acumula até 21 meses consecutivos, desde marzo de 2021, de subas interanuais na Galiza. As menores taxas que se experimentan neste apartado nos últimos meses débense ao feito de que se fai a comparanza cun momento no que o seu custo xa se atopaba en plena escalada.

Os alimentos acumulan 14 meses de encarecemento

O apartado de alimentos e bebidas acumula na Galiza até 38 meses de subas interanuais consecutivas no IPC, desde setembro de 2019. En termos mensuais, é dicir, en comparación co mes anterior, o prezo da alimentación leva subindo mes tras mes, de forma ininterrompida, durante 14 meses na Galiza.

Por alimentos, neste caso só con datos para o conxunto do Estado, os que máis subiron de prezo no último ano son o azucre (+50,2%); os aceites e graxas (+31,5%); o leite (+30,9%); os ovos (+27,1%); os cereais (+22,9%); os produtos lácteos (+21,7%) e as patacas (+21,5%).

Tamén a nivel estatal, a inflación subxacente —sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos— subiu en novembro unha décima, até 6,3%, co que se sitúa só cinco décimas por baixo da taxa do IPC xeral, a menor distancia desde febreiro de 2021. O IPC subxacente é un indicador considerado máis preciso polas persoas expertas por excluír aqueles apartados máis volátiles do estudo estatístico.

Comentarios