Os carburantes comezan o ano tocando máximos históricos e con alzas á vista

O prezo do barril Brent, de referencia en europa, fechou esta quinta feira moi próximo aos 91 euros, en máximos de hai 8 anos.
Unha persoa enche o depósito do seu vehículo, un xesto que no que vai de ano é 4,4% máis caro pola alza dos carburantes (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press).
photo_camera Unha persoa enche o depósito do seu vehículo, un xesto que no que vai de ano é 4,4% máis caro pola alza dos carburantes (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press).

O prezo dos carburantes está a punto de bater os seus máximos históricos e acumula no que vai de ano unha suba de 4,4%, que ascende a 24,18% no caso da gasolina e a 26,16% no do diésel se se compara cos valores da mesma semana de 2021.

Con esta son xa catro semanas consecutivas de ascensos. O prezo medio da gasolina, que aumentou 1,19% respecto á semana pasada, sitúase nos 1,52 euros, a só dúas centésimas do seu máximo histórico (1,522 euros), rexistrado en setembro de 2012, segundo os datos do Boletín Petroleiro da Unión Europea.

Pola súa parte, o prezo medio do litro de gasóleo situouse nos 1,403 euros, 1,66% máis que a semana pasada. Porén, está algo máis lonxe de bater récords. Aínda que non superaba a cota dos 1,4 euros o litro desde finais de outubro de 2012, o máximo histórico, de setembro dese mesmo ano, está nos 1,444 euros.

Este novo encarecemento dos combustíbeis prodúcese á sombra da escalada no prezo do cru ante a incerteza xeopolítica alimentada polas tensións na fronteira entre Ucraína e Rusia e nun escenario de baixa oferta global, que levou a cotización do barril de petróleo Brent, o de referencia en Europa, a superar os 90 dólares por primeira vez desde outubro de 2014.

A este respecto, a banca de investimento alerta de que o prezo desta materia prima pode dispararse nos próximos meses por riba dos 100 euros, como prevé Goldman Sachs, e mesmo alcanzar os 150 euros, tal e como agoira JPMorgan. 

Implicacións económicas

A suba do prezo do petróleo non afecta só aos combustíbeis da automoción, senón que golpea no resto de sectores económicos que dependen do transporte ou do gasóleo nas súas actividades.

De feito, o encarecemento dos combustíbeis está, xunto coa alza no prezo da enerxía, detrás do aumento da inflación, que disparou o custo de vida 6,7% en decembro na Galiza con respecto ao mesmo período de 2020.

Esta reacción en cadea explica que a suba de prezos non afecte só ao petróleo, senón tamén a alimentos, o aceite ou a electricidade, para cuxa produción ou transporte fai falta tirar desta fonte de enerxía.

A incidencia da Covid

Na fixación dos prezos, a demanda xoga un papel importante. Coas restricións pola Covid, o consumo de combustíbel non logrou alcanzar os valores previos ao inicio da pandemia. 

Aínda así, como destaca a Axencia Internacional da Enerxía, "pese a que o número de casos de Ómicron está a aumentar en todo o mundo, a demanda de petróleo desafiou as expectativas no cuarto trimestre de 2021".

A AIE prevé que o consumo de cru diminúa nos tres primeiros meses do ano "por máis teletraballo e menos viaxes aéreas", mais revisou á alza as súas estimacións de crecemento para 2022 á vista do relaxamento nas devanditas restricións.

Comentarios