Novo récord histórico do prezo da luz, con decembro camiño de ser o mes máis caro

O prezo da enerxía situarase de media esta cuarta feira nos  291,73 euros por megawatt hora (MWh), o seu prezo máis alto desde que hai rexistros.
A luz baixa o seu prezo esta cuarta feira. (Foto: Josfor).
photo_camera A luz marcará esta cuarta feira o prezo máis alto da historia. (Foto: Josfor)

Decembro vai camiño de bater todos os rexistros no que ao prezo da electricidade se refire. A media de hoxe no mercado almacenista acada os 291,73 euros por megawatt hora (MWh), o seu prezo máis alto desde que hai rexistros. Supera así o anterior récord de 288,53 euros rexistrado o pasado 7 de outubro.

Prender o interruptor será esta cuarta feira seis veces máis caro (+496,34) que o mesmo día de 2020. En relación a esta terza feira, a suba será de 1,37%, mentres que con respecto á semana anterior o ascenso acada o 168,3%.

O prezo máximo darase entre as 21 e as 22 horas, cando se pagarán 319,1 euros/MWh, mentres que o mínimo será de 261,73 euros entre as 5 e as 6 horas, segundo os datos publicados polo Operador do Mercado Ibérico de Enerxía ( OMIE).

Decembro está a ser un mes marcado por unha gran volatilidade nos prezos, con caídas na media dalgúns días até a contorna dos 100 euros/MWh e con certos ascensos que superan amplamente a cota dos 200 euros/MWh.

De feito, no que vai de mes a media xa se sitúa nos 221,06 euros/MWh, co que, de seguir así, superaría o rexistro do pasado outubro, que foi o mes máis caro da historia, lembran desde Facua-Consumidores en Acción.

Axudas para autoconsumo

Unha das medidas para esquivar estas subas de prezo é apostar no autoconsumo. A este respecto, a Xunta vén de anunciar que esta semana abrirá o prazo de solicitude das novas liñas de axudas dirixidas ao autoconsumo e enerxías renovábeis destinadas a particulares, traballadoras autónomas, entidades sen ánimo de lucro e administracións públicas.

O orzamento das axudas ascende a 17,2 millóns de euros e o obxectivo do Executivo galego é chegar a con elas a 3.000 persoas beneficiarias e crear uns 300 empregos.

Estes apoios, que se resolverán por orde de presentación de solicitudes, varían en función da instalación, mais a Xunta calcula que podería xerar aforros nas facturas enerxéticas de 2,6 millóns de euros ao ano.

Por outra banda, este 15 de decembro, activarase a convocatoria para apoiar proxectos de xeotermia e hidrotermia, mentres que mañá, 16 de decembro, abrirase a referida a iniciativas baseadas en aerotermia. Así mesmo, a partir da sexta feira poderanse solicitar os apoios para proxectos de biomasa e enerxía solar térmica.

Comentarios