O porto de Ferrol duplica este ano o tráfico de contedores

O aumento do porto de Ferrol contrasta coa tendencia do conxunto do sistema portuario estatal neste tipo de carga, que rexistra unha caída de 8,3%.
Guindastres nun estaleiro da cidade de Ferrol (Foto: Nós Diario).
photo_camera Guindastres nun estaleiro da cidade de Ferrol (Foto: Nós Diario).

A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao case duplica nos cinco primeiros meses do ano o tráfico de contedores. O seu incremento pasa dos 8.862 TEUS (contedores de 20 pés de longo, medida estándar) que se moveron no porto exterior de Caneliñas entre xaneiro e maio de 2022 aos 17.618 do presente, segundo consta no último informe de Portos do Estado, o organismo que agrupa as 28 autoridades portuarias de interese xeral.

Só hai un caso de máis incremento porcentual, en concreto o triplo, que é A Coruña, aínda que as súas cifras son outras, xa que pasa de tres a nove contedores.

O aumento do porto de Ferrol contrasta coa tendencia do conxunto do sistema portuario estatal neste tipo de carga, que rexistra unha caída de 8,3%.

A xestión

A xestión do organismo que preside Francisco Barea no que respecta á diversificación de tráficos e á procura de alternativas á "desaparición" do que até hai moi pouco foi a principal mercadoría do porto, o carbón, é un dos factores que explican esta evolución.

O outro é a aposta que o grupo Yilport fixo para atraer clientes e liñas regulares de portacontedores. A empresa asumiu en 2018 a concesión da terminal de contedores de Ferrol e, desde entón, este segmento non fixo máis que aumentar.

Así, en 2017 cargáronse ou descargaron 455 TEUS, cantidade que se multiplicaría por 10 ao ano seguinte (4.522). O 2019 fechouse cun total de 8.278 e o 2020, a pesar da pandemia, con 12.473.

No exercicio 2021 alcanzáronse as 16.844, é dicir, menos que nos cinco primeiros meses deste 2023. O récord anual márcao, por agora, 2022, con máis de 37.000 contedores.

Comentarios