Persoal de Navantia exixe avances no convenio colectivo e no plan industrial

Traballadores da empresa naval percorreron as rúas de Ferrol e Narón.
Instalacións de Navantia en Ferrol (Foto: Europa Press).
photo_camera Instalacións de Navantia en Ferrol (Foto: Europa Press).

Os traballadores de Navantia Ferrol regresaron ás rúas esta cuarta feira para protagonizar unha xornada de mobilizacións con percorrido por algunhas das principais avenidas de Ferrol e Narón  para denunciar a falta de avances na negociación do convenio colectivo e do plan industrial.

O portavoz do comité de empresa, Miguel Pol (CCOO), detallou que esta nova protesta  por prodúcese "despois de que no día de onte [na terza feira] -nun encontro en Madrid entre o comité intercentros e a dirección da firma- non se puxesen encima da mesa cuestións primordiais, e que non apareceron".

O representante sindical detallou que "si desagregaron algúns investimentos, mais non se materializou, por exemplo, a garantía de transformación do estaleiro, un aumento da carga de traballo, polo que de momento son todo posibilidades".

Pol apuntou que a empresa lles require unha sinatura inminente do plan industrial. "Isto é inasumíbel, sen un debate previo, sen poder analizar con calma os textos que enviaron, e sobre todo, cando se sustentan en posibilidades unicamente", sinalou o representante sindical.

A actual dirección "xa incumpriu o último plan industrial durante catro anos", polo que afirmou que a confianza "é moi pouca". "Toda a parte social dixo que son insuficientes [os investimentos] e está francamente decepcionada", apuntou, para engadir que "non hai ningunha organización que estea a ver positivo esta forma de negociar nin este plan industrial".

"O único positivo que se pode ver no plan industrial é que si que se ven reflectidos 1.500 empregos, mais que se sustentan nas posibilidades de contratación e facturación", engadiu o portavoz do comité de empresa.

Novas xornadas de folga no metal de Pontevedra

A CIG, UXT e CCOO convocaron novas xornadas de folga no sector do metal de Pontevedra para reclamar á patronal un novo convenio colectivo "digno". Así, segundo informou a Confederación Intersindical Galega (CIG) nun comunicado, ademais desta quinta feira, día 22 de xuño, os traballadores están chamados á folga os días 28 de xuño e 6 e 7 de xullo.

Comentarios