Plan para o rural galego polas perdas da COVID-19 "sen concrecións"

O Consello Agrario Galego, órgano permanente de participación, asesoramento, diálogo e consulta do Goberno galego en materia agraria, serviu de marco para que a Consellaría de Medio Rural presentase o seu plan de reactivación e dinamización do sector agora mesmo maltratado pola crise provocada pola COVID-19.
Reunión do Consello Agrario Galego no Pazo de San Roque de Compostela.(Riobó Prada)
photo_camera Reunión do Consello Agrario Galego no pazo de San Roque de Compostela.(Riobó Prada)

Responsábeis das organizacións Unións Agrarias (UUAA) e o Sindicato Labrego (SLG) agardaban algo máis desta reunión na que desde a Xunta anunciou un investimento de 165 millóns de euros distribuídos en 14 medidas e 36 accións, unha delas de axudas directas por valor de 24 millóns a produtoras e pequenas e medianas empresas (pemes) afectadas pola pandemia. 

O conselleiro de Medio Rural, José González, salientou ao remate do Consello que o sector lácteo respondera "bastante ben" á crise tanto en prezos como en vendas e destacou o “bo funcionamento” de Mercaproximidade, a canle alternativa de venda de produtos primarios creado pola Xunta durante a emerxencia sanitaria.

"Non houbo ningunha proposta concreta de aquí ás eleccións polo que a incerteza é aínda maior", explicou Isabel Vilalba do SLG a Nós Diario ao remate da xuntanza, "precisamos medidas urxentes máis alá de titulares", engade. Da mesma opinión foi Roberto García, de UUAA, que asegurou a Nós Diario que “é imposíbel que se leve a cabo nesta lexislatura”.

O sector lácteo segue sen ter solucións 

En UUAA afirman que os danos no estado de alarma "durarán máis alá deste período, polo que non se trata só de compensar o pasado", tal e como quere a Xunta. Un exemplo é a situación do leite na Galiza "que non ten nada que ver coa COVID-19" en relación ás denuncias de entrada de produto foráneo

Sobre este sector, desde o SLG alertan de que Medio Rural non informou do traballo sobre custos de produción ao que se comprometera. "Se o Estado di que asinemos unha clausula de cobertura de custos e non temos ese dato daríase o caso de ter que vender por debaixo do prezo de custo”, asegura Vilalba, "todo un esperpento".

Sen datos de Mercaproximidade

A rede de comercialización Mercaproximidade creada por Medio Rural o pasado 15 de abril como proxecto estrela para apoiar as producións agrogandeiras galegas afectadas pola pandemia non está a funcionar. Desde o SLG aseguran que "non é transparente" malia o gran investimento en publicidade que se realizou. Isabel Vilalba pon como exemplo que o sector ovino nesta rede asegura que emprega "a mesma canle de distribución coa que traballaban mais cun prezo 25% menor ao que tiñan antes".

Medio Rural non achegou até hoxe ningún dos datos solicitados polas organizacións agrarias para facer unha valoración destes dous meses de programa. Diante da información da Consellaría, que apunta como un éxito a venda de 3,5 millóns quilos de patacas na Limia, o SLG denuncia que foi cunha caída de prezos "brutal" que pasou de 12 céntimos/quilo con contrato a seis céntimos/quilo a través desta rede "ou sen poñer prezo con tal de retiralas". UUAA solicitou a creación dunha comisión para contar con datos "mesmo das compras do sector público".

Comentarios