Unións Agrarias demanda un rescate para o sector do viño

O sindicato reclama da Consellaría de Medio Rural e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que "xunten esforzos" para elaborar un plan de recuperación económica adaptado ao sector do viño.

Vide galega
photo_camera O sector do viño estase vendo moi golpeado pola crise da COVID-19 (Foto: Nós Diario).

O sindicato Unións Agrarias (UU. AA.) demanda da Consellaría de Medio Rural e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que "xunten esforzos" para elaborar un plan de recuperación económica adaptado ao sector do viño.

A través dun comunicado, a organización sinala que esta posta en común servirá "para definir que parte dos 74 millóns de euros" anunciados polo Goberno estatal para contrarrestar os efectos da crise da COVID-19 lle corresponden a Galiza.

Ademais, UU. AA. ve "imprescindíbel" a apertura de mesas de traballo "en todas as denominacións de orixe" nas que senten produtores, consellos reguladores e adegas para trazar un plan de impulso.

O sindicato agrario tamén reclama da Xunta que vincule calquera liña de liquidez ás adegas a que "garanta a recollida de uva a prezos que cubran os custos de produción", así como a que "se obrigue a depositar os contratos de abastecemento nun rexistro publico", co obxectivo de certificar que se respecta a lexislación.

E é que, tal e como asegura  UU. AA, o confinamento derivado do actual estado de alarma provocou "unha caída nas vendas" das adegas, "sobre todo as pequenas", principalmente polo peche da canle denominada “Horeca”, e que comprende a hoteis, restaurantes e cafeterías.

Comentarios